A inscrición no curso de innovación Akademia na USC remata o 2 de novembro

Ata o próximo 2 de novembro permanecerá aberto o prazo de inscrición para participar no curso de innovación Akademia na USC, organizado pola Fundación da Innovación Bankinter en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e Uninova. En Akademia o alumnado coñecerá as tendencias de innovación que xerarán valor no futuro inmediato. Durante o curso 2018-2019 e a partir dun material e unha metodoloxía diferentes, aprenderase unha nova forma de afrontar retos, traballar en equipo e desenvolver un proxecto innovador.
O curso achega unha plataforma online de formación con material sobre casos de innovación e unha forma orixinal de interactuar coa formación dos alumnos; unha metodoloxía innovadora, con sesións teóricas e encontros con emprendedores; e o contacto con alumnado de perfís, titulacións e idades distintos. Deste xeito ofrécese a oportunidade de desenvolver un proxecto sobre unha idea innovadora con outras persoas ao que se suma a necesidade de traballar en equipos multidisciplinares co gallo de crear un prototipo, utilizando a metodoloxía que empregan as grandes empresas e start-up para a creación das súas ideas. O alumnado defenderá os seus prototipos ao final do curso ante un xurado formado por emprendedores/as, potenciais inversores/as e persoal expertos do claustro. O equipo gañador obterá un premio para poder facer realidade o seu proxecto, existindo a posibilidade de realizar prácticas en empresas colaboradoras ao finalizar o curso.
Esta é unha acción formativa para un máximo de 25 alumnos/as de grao e posgrao da USC aos que se dirixirán as 11 sesións previstas e acreditadas cun diploma final. O 94 por cento do alumnado de edicións anteriores valora positivamente o seu paso polo curso e o recomendan. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse a Uninova por correo electrónico (rosamaria.sanchez [at] usc.es (rosamaria[dot]sanchez[at]usc[dot]es) ou monica.suarez [at] usc.es (monica[dot]suarez[at]usc[dot]es)) ou telefonicamente (881 815 596/3). Para inscribirse no curso, o alumnado debe enviar a súa carta de motivación a través dun formulario da web.