Inscritos este semestre no Campus Terra da USC máis de 90 alumnos internacionais e procedentes doutras universidades
Máis de 70 estudantes internacionais procedentes de 16 países de Europa (Portugal, Italia, Reino Unido, Rumanía, Irlanda, Polonia), América (México, Colombia, Venezuela, Ecuador, Arxentina, Brasil, Chile) e Asia (Tailandia e Paquistán), ademais de preto de 20 alumnos de intercambio chegados doutras universidades españolas e que formalizaron a súa matrícula este semestre nalgunha das titulacións impartidas no Campus Terra da USC, participaron este mércores na xornada de acollida ‘Welcome Day’, celebrada no auditorio da Casa do Saber de Lugo.
Os vicerreitores de Coordinación e Servizos Universitarios do campus de Lugo, Javier Bueno Lema e Carme Silva Domínguez, respectivamente, foron os encargados de dar a benvida ao estudantado foráneo no marco dun acto no que tamén interviñeron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Álvaro Santos Ramos. O saúdo de benvida ao alumnado e a presentación da oferta de servizos á que poden acceder os integrantes do Campus Terra da USC marcou o comezo dun acto no que tamén participaron como relatores representantes do Centro de Linguas Modernas e do Servizo de Relacións Exteriores da USC. Unha vez rematada a sesión, os alumnos e alumnas convocados/as, ademais dos responsables universitarios acudiron ao consistorio de Lugo para participar na recepción brindada pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. Xa de volta na Casa do Saber, o alumnado tivo a ocasión de percorrer a Domus do Mitreo. Asemade, a técnica do Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) da USC no Campus Terra acompañou aos estudantes estranxeiros na na actividade de emparellamento cos seus respectivos buddies, alumnos e alumnas do campus lucense encargados de acompañar ao alumnado internacional durante todo o curso a fin de favorecer a súa integración na universidade e na cidade de Lugo.