Ir o contido principal

A institución docente colabora co proxecto de vida independente ‘Isto é vida’ de Down Compostela

Ofrécese a un estudante a posibilidade de compartir piso gratuitamente con persoas con discapacidade intelectual

Exercer o control sobre a propia vida, poder tomar decisións e vivir da forma máis autónoma e independente posible son algúns dos piares nos que se sostén o Movemento de Vida Independente que xurdiu hai uns anos para reclamar o protagonismo das persoas con discapacidade. Respondendo á necesidade de fuxir da case obrigada vida no fogar ou en institucións asistenciais debido a un exceso de proteccionismo, son cada vez máis os colectivos que se suman a este novo contexto de normalización. En Santiago é a Fundación Down Compostela a que porá en marcha a iniciativa ‘Isto é vida’, que conciben como unha primeira experiencia para adultos con discapacidade intelectual que nunca puideron gozar da posibilidade de xestionar a súa vida, o seu tempo, o seu ocio... Con tal fin, disporán dun piso cedido pola Consellaría de Traballo e Benestar no que aprenderán a vivir de maneira independente. Na experiencia compostelá colaborará a Universidade de Santiago, a través do seu Servizo de Participación e Integración Universitaria, ofrecéndolle a un estudante a posibilidade de vivir nese piso de maneira gratuíta e exercer á vez funcións de voluntariado cos seus compañeiros de vivenda. Tanto os beneficiarios do proxecto como o estudante-voluntario, coordinados por un profesional contratado pola Fundación, organizaranse para autoxestionar e distribuir as tarefas de limpeza, normas de convivencia, compras e pagos de gastos. O proceso de selección do estudante realizarao Down Compostela, que non esixe ningún requisito especial salvo o de comprometerse co proxecto polo tempo que se estableza. O estudantado que precise máis información deberá dirixirse pola mañá ao Servizo da USC emprazado na Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega ou nos teléfonos 881 812 858 e 881 812 859.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.07.2014.