Ir o contido principal

As institucións, fundamentais no xurdimento de empresas

Diana Morales, no centro, acompañada dos membros do tribunal avaliador e do director da tese, Óscar Rodil (á dereita)
Diana Morales, no centro, acompañada dos membros do tribunal avaliador e do director da tese, Óscar Rodil (á dereita)
Unha tese da USC estuda os factores institucionais explicativos da creación de empresas e apunta melloras dende o ámbito institucional

As institucións xogan un papel crucial na creación de empresas, observándose patróns de comportamento diferenciados territorialmente. Esta é unha das principais conclusións ás que chegou Diana Cristina Morales Urrutia na súa tese de doutoramento, na que investigou os factores explicativos da creación de empresas nunha mostra de 18 países de Europa e América dende a perspectiva teórica da Nova Economía Internacional. O traballo, dirixido polo profesor da USC Óscar Rodil Marzábal, apunta resultados relevantes e de utilidade para a planificación das políticas públicas de promoción e desenvolvemento empresarial.

Desde a perspectiva dos factores explicativos abordados neste traballo e que manteñen unha estreita influencia coa creación de empresas, Diana Morales atopou factores institucionais de tipo formal, tales como o acceso ao financiamento, a duración dos procedementos administrativos, o nivel de educación, así como o eficiente funcionamento do mercado laboral. Tamén, desde o ámbito institucional informal, considerou a importancia da ausencia de corrupción e a existencia dunha calidade regulatoria satisfactoria como factores que inflúen na creación de empresas, xunto a outros factores de índole macroeconómica que se relacionan co papel da demanda.

Como revelan os resultados deste traballo, as políticas de estímulo á creación de empresas deben combinar actuacións en ámbitos institucionais tan diversos como reformas normativas significativas, por exemplo, a redución do número de procedementos para a posta en marcha dunha actividade económica, e que, en moitos casos, só atrasa a entrada de novas empresas; o deseño de programas de apoio xerais e específicos por parte dos diferentes niveis de goberno; a mellora de acceso ao financiamento e da educación orientada ao emprendemento; así como mellorar na xeración dun clima pouco propicio para a corrupción.

A tese ‘El fenómeno de la creación de empresas: Factores explicativos desde una perspectiva institucional. Análisis del caso europeo y americano’ obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude, outorgada por un tribunal formado por José Manuel Sánchez Santos, da Universidade da Coruña; Jorge Alberto López Arévalo, da Autónoma de Chiapas (México); e María del Carmen Sánchez Carreira, da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.07.2016.