Ir o contido principal

O Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro da USC orientou as indagacións cara ao presunto asasino de Eva Blanco

Oitenta marcadores xenéticos de orixe bioxeográfico e 20 para a determinación de características físicas foron os que empregou o Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro da USC e que orientaron as investigacións policiais cara ao presunto asasino de Eva Blanco, tras 18 anos do crime. A directora do instituto compostelán referencia mundial no seu ámbito, María Victoria Lareu Huidrobo, explicou que co primeiro grupo de marcadores se poden determinar cinco áreas de procedencia: europea, africano-subsahariana, asiática, latinoamericana e de Oceanía. Xunto a estes, o equipo da USC desenvolveu un test de análise SNPs (Single Nucleotide Polimorphism) específico, cos que se infiren trazos físicos como a cor dos ollos, do cabelo ou a pel e que determinou as indagacións da Garda Civil. “Esta análise que fixemos, cunha fiabilidade altísima, en decembro de 2013 deu a pista á Garda Civil para buscar á persoa donante da mostra que se atopou neste caso, o que posibilitou análises de ADN posteriores que puxeron de manifesto a posible implicación do sospeitoso no caso criminal”, explica Victoria Lareu. A catedrática advertiu ademais que os 18 anos transcorridos desde o crime non foron obstáculo na investigación “senón que permitiu que avanzase a ciencia no campo destes marcadores”. Xunto a ela, traballaron nesta investigación Christopher Phillips, Manuel Fondevila e Carla Santos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.10.2015.