Ir o contido principal

O Instituto de Ciencias Forenses da USC, Premio Solidario ONCE-Galicia 2016

O Instituto de Ciencias Forenses da USC, Premio Solidario ONCE-Galicia 2016
O Instituto de Ciencias Forenses da USC, Premio Solidario ONCE-Galicia 2016

O Instituto de Ciencias Forenses da USC é un dos gañadores dos Premios Solidarios ONCE-Galicia 2016 por ser un referente internacional no labor científico que desenvolve. Os premios outórganse ás empresas, organizacións, medios de comunicación, persoas físicas e estamentos da administración pública que máis contribuíran á integración das persoas con discapacidade e doutros colectivos en risco de exclusión.

Na concesión do recoñecemento ao instituto da USC, o xurado subraia a traxectoria científica que realizan os seus máis de medio cento de investigadores de distintas nacionalidades nos campos da xenética forense e clínica, e dálle visibilidade a este traballo a través das figuras dos profesores de Medicina Legal Anxo Carracedo e María Victoria Lareu, sen esquecer o catedrático xubilado Luis Concheiro, fundador do Instituto de Medicina Legal, xermolo do actual, hai máis de 30 anos.

A USC recibiu este premio xunto xunto co proxecto Enki da Fundación Abrente, o xornalista Pepe Domingo Castaño, as oftalmólogas ferrolás Ana González e Raquel Vidal e Mulleres Colleiteiras, nas súas respectivas categorías.

O xurado estivo presidido por Carlos Fernández Lamigueiro, presidente do Consello Territorial de ONCE-Galicia, e tamén formaron parte del o delegado territorial de ONCE-Galicia, Manuel Martínez Pan; o conselleiro xeral da ONCE, Eugenio Prieto; o director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado; o presidente do CERMI-Galicia, Anxo Queiruga; e os xornalistas Consuelo Bautista, Eva Iglesias, Lara Rodríguez Vivero, Gloria Ferreiro e Rafael Cid.

Visita
Precisamente esta mañá o vicepresidente da Xunta de Galicia e responsable de Xustiza, Alfonso Rueda, visitou esta mañá este centro, que realiza as probas de toxicoloxía e xenética forense que precisan os médicos do Imelga da Xunta e os xuíces e fiscais. O ano pasado lles foron solicitados 1.144 informes periciais, para os que analizaron 2.241 mostras e 11.125 analíticas. Ademais, tamén realizaron 64 probas de paternidade e 42 análises de criminalística.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.06.2016.