O Instituto Español de Matemáticas presentou a súa plataforma dixital

Responsables das sedes do Instituto Español de Matemáticas (IEMath) desenvolveron este xoves unha xornada de traballo, telemática e aberta, na que deron a coñecer a toda a comunidade matemática o estado actual da súa plataforma dixital e a utilidade dos equipos adquiridos. O encargado de facer esa presentación foi o reitor da USC, que no seu día formou parte da terna de persoas propostas ao Ministerio para dirixir o instituto e que hoxe preside a Comisión de Posta en Marcha do IEMath. O Instituto Español de Matemáticas creouse en 2007 como centro en rede con sedes en Galicia, Granada, Madrid e no Center de Recerca Matemàtica de Barcelona e dende ese ano pasou por numerosas vicisitudes para a súa conformación, un proceso complexo que agora comeza a coller forma. O seu obxectivo, iso si, segue a ser o deseño e execución de accións estratéxicas globais no ámbito da investigación matemática dirixidas a mellorar a transferencia de tecnoloxía, a formación de novos investigadores, a presenza internacional, a promoción do talento e a definición do perfil profesional do matemático. Para a consecución dos seus obxectivos, e por mor súa estrutura en rede, o IEMath dedicou os seus esforzos e recursos económicos á creación dunha plataforma dixital – aloxada no Centro de Supercomputación de Galicia con sede en Santiago– que pretende incrementar a colaboración científica en España. A través desta plataforma, a comunidade matemática poderá seguir en tempo real, e consultar posteriormente nun repositorio ad hoc, calquera evento importante no ámbito das matemáticas celebrado en España e empregar os recursos arquivados para a formación de estudantes de grao e posgrao. Xornada Á intervención de Juan Viaño este xoves seguiulle a xestora europea do Instituto de Ciencias Matemáticas, Susana Matas, que falou das oportunidades para os matemáticos no ámbito de axudas europeas en H2020, e o investigador principal no Center de Recerca Matemàtica, Tomás Alarcón, que explicou os retos da bioloxía matemática.