Ir o contido principal

O instituto de investigación hortícola e agrícola de East Malling capta talento no Máster en Enxeñaría Agronómica da USC

Rocío Losada e Marta  Rodríguez, nas instalacións do instituto de investigación hortícola e agrícola de East Malling, no condado británico de Kent
Rocío Losada e Marta Rodríguez, nas instalacións do instituto de investigación hortícola e agrícola de East Malling, no condado británico de Kent
As egresadas da EPS de Enxeñaría Rocío Losada e Marta Rodríguez desenvolven no centro británico labores punteiros de I+D en xenética, xenómica e propagación vexetal

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC espalla talento científico ao instituto de investigación hortícola e agrícola de East Malling, unha estación científica senlleira no ámbito da agronomía que atopa a súa sede no condado británico de kent, onde as egresadas do Máster en Enxeñaría Agronómica da USC Rocío Losada Iglesias e Marta Rodríguez Fernández veñen de incorporarse ao pioneiro programa de adestramento en I+D+i que se desenvolve na estación científica de East Malling nos ámbitos da xenética, xenómica e propagación vexetal.

A incorporación destas dúas enxeñeiras formadas na EPS de Enxeñaría da USC á estación científica de East Malling é unha proba dos amplos horizontes profesionais e tamén no eido da I+D+i que abre o Máster en Enxeñaría Agronómica da USC, segundo comentou o coordinador na USC deste título habilitante, Santiago Pereira Lorenzo. O tamén catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC comentou asemade que o feito de que un centro de investigación hortícola e agrícola de referencia como é o localizado en East Malling acceda a incorporar aos seus programas de I+D a egresados do Máster en Enxeñaría Agronómica da USC proba a calidade da formación impartida neste título universitario.

A experiencia que están a gozar durante esta primavera Rocío Losada Iglesias e Marta Rodríguez Fernández non vai quedar nun caso illado, apuntou Pereira, quen logo de xestionar co Instituto Nacional de Botánica Agrícola (NIAB), con sede en Cambridge, os acordos para que o alumnado que complete o Máster en Enxeñaría Agronómica da USC poida recibir formación específica a través dos programas de adestramento desenvolvidos na estación científica de East Malling -un centro incorporado desde 2016 ao NIAB- , confía en que este fluxo de alumnado poida ter continuidade ao longo dos próximos anos.

Respecto das actividades que están a desenvolver Rocío e Marta no instituto de investigación hortícola e agrícola de kent, o profesor Pereira Lorenzo indicou que nestas primeiras semanas as dúas enxeñeiras formadas na EPS de Enxeñaría están a traballar en programas de hibridacións controladas, pero seguro que durante os tres meses que dura a estadía terán a oportunidade de participar noutras tarefas e programas experimentais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.06.2021.