Ir o contido principal

O Instituto de Produtos Lácteos de Asturias explora vías de colaboración en proxectos de I+D co Campus Terra

Visita da delegación do Instituto de Produtos Lácteos de Asturias á APLTA do Campus Terra
Visita da delegación do Instituto de Produtos Lácteos de Asturias á APLTA do Campus Terra
Unha delegación do IPLA, liderada pola súa directora, María Fernández, visita as instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC para coñecer as potencialidades e os equipamentos tecnolóxicos de que dispón a plataforma tecnolóxica da sede universitaria luguesa

O Instituto de Produtos Lácteos de Asturias (IPLA) explora vías de colaboración coa Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) do Campus Terra da USC para o desenvolvemento conxunto de proxectos orientados ao desenvolvemento de novos produtos, tal e como se puxo de manifesto logo da visita realizada por unha delegación do organismo asturiano dependente do CSIC á plataforma tecnolóxica da sede universitaria luguesa.

A delegada do reitor para o Campus Terra, a profesora Elvira López Mosquera, acompañou nesta visita a comitiva asturiana, unha delegación encabezada pola directora do IPLa, María Fernández García, e da que tamén formaron parte o subdirector deste centro tecnolóxico, Miguel Gueimonde; o responsable técnico de produtos lácteos do IPLa, Luis Noriega, e a cientítifca títular deste organismo dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas, Patricia Ruas.

A busca de oportunidades de colaboración entre os dous centros tecnolóxicos lácteos propiciou a visita desta delegación do IPLA, cuxa actividade pretende contribuír a xerar coñecemento a través da realización de invetigacións científicas en Ciencia e Tecnoloxía de Produtos Lácteos.

Os técnicos da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC, Luis Aldeanueva e Laura Abuín, acompañados da delegada do reitor para o Campus Terra, amosaron as instalacións da planta piloto e deron conta da actividade que se desenvolve la plataforma tecnolóxica do Campus Terra aos responsables do Instituto de Produtos Lácteos de Asturias, un centro localizado en  Villaviciosa, ata onde se desprazará nas próximas semanas unha delegación universitaria luguesa, segundo adiantou a profesora López Mosquera.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.02.2023.