O Instituto Tecnolóxico de Estudos Superiores de Monterrey e a USC buscan ampliar colaboracións, especialmente na área biotecnolóxica

Representantes do Instituto Tecnolóxico de Estudos Superiores de Monterrey (ITSEM) reuníronse este venres con responsables da USC co obxecto de definir accións que posibiliten unha maior cooperación científico-tecnolóxica entre ambas institucións. Participaron na xuntanza co vicerreitor Agustín Merino os profesores e investigadores mexicanos Jorge Welti-Chanes e Manuel Zertuchi; Rogelio Conde-Pumpido, do Centro de Transferencia Tecnolóxica; e outros investigadores da USC. Na reunión coñeceron posibles vías para o intercambio de estudantes, docentes e persoal investigador, a organización de mellores prácticas, seminarios e xornadas técnicas así como a posibilidade de cooperar na execución de proxectos de investigación naquelas áreas inicialmente seleccionadas por IBERTEC, e máis concretamente no ámbito da biotecnoloxía. Por esa razón participaron na xuntanza investigadores da USC que lle explicaron aos mexicanos algunhas liñas de investigación que se desenvolven nas áreas de biotecnoloxía de alimentos e de agrobiotecnoloxía, con especial énfase naquelas relacionadas coa bioenxeñaría de procesos, a identificación e caracterización de biomoléculas e bioprodutos ou a mellora dos cultivos agrícolas e desenvolvemento de materias primas para o seu uso como biocombustibles.
A visita enmárcase nas accións que promove o Instituto Mexicano-Español para a Cultura, a Innovación e o Desenvolvemento (IBERTEC) creado polo ITESM e o Goberno Español en 2009 coa misión de fomentar a colaboración entre ambos países nos ámbitos científico, tecnolóxico, empresarial, cultural e de desenvolvemento social e promocionando entre outras o intercambio de estudantes, profesores, investigadores, técnicos e empresarios.