Ir o contido principal

O Instituto Xeográfico Nacional instalou unha estación permanente de GPS na Escola Politécnica Superior de Lugo

Estas estacións permiten elevadas precisións na definición de coordinadas xeográficas terrestres

O Instituto Xeográfico Nacional acaba de instalar unha estación permanente de GPS na Escola Politécnica Superior de Lugo. A estaciíon presentouse este xoves nun acto que contou coa presenza do subdirector da EPS Ulises Diéguez; dos profesores da Área de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría da USC, José A. Pardiñas e Mª Luz Gil; e do responsable de Programas Xeodésicos do Instituto, José A. Sánchez Sobrino, que falou nunha conferencia da importancia deste tipo de instalacións para o desenvolvemento tecnolóxico de sectores profesionais moi relacionados coas titulacións de grao impartidas na EPS, como as enxeñarías Civil, Topográfica, Agrícola ou Forestal. As redes de estacións permanentes GPS permiten a corrección dos datos recibidos polos receptores, mellorando a precisión nas coordenadas. Así, conséguense precisións da orde dun par de centímetros en tempo real, sendo necesario que nun entorno duns 40-50 km exista unha estación de referencia, como a instalada no Campus de Lugo na Escola Politécnica Superior. Deste xeito, a estación da EPS dará servizo polo tanto a unha ampla zona central da provincia de Lugo. As aplicacións fundamentais do GPS centimétrico abarcan dende a Enxeñaría Civil, a Topografía, as Ciencias da Terra ou incluso a denominada Agricultura de Precisión ou aplicacións menos frecuentes como a Meteoroloxía. O Instituto Xeográfico Nacional, organismo dependente do Ministerio de Fomento, conta cunha rede de estacións permanentes GNSS (técnicas de posicionamento mediante satélites) distribuídas ao longo de toda la xeografía nacional, con aplicacións xeodésicas sobre todo (xeodinámica terrestre), pero que tamén proporcionan de forma pública acceso aos datos en tempo real para as aplicacións anteriormente mencionadas.

Para acadar máis información sobre a rede de bases permanentes GPS, existe a web: http://www.02.ign.es/ign/layoutIn/actividadesGeodesiaGnss.do.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.06.2011.