A integral de sonatas para piano de Beethoven soará nun novo ciclo no Paraninfo

As 32 sonatas para piano que Beethoven compuxo ao longo da súa vida poderán escoitarse no Paraninfo da Universidade nun novo ciclo organizado pola USC en colaboración coa Deputación da Coruña. Serán nove concertos, un por cada mes do curso académico, todos ás 20.30 horas, e coma sempre de entrada libre ata completar o aforo.
O ciclo ‘Unha vida de emocións en 32 sonatas’ comeza este martes 18 cun recital do pianista Severino Ortiz no que interpretará as tres primeiras sonatas do compositor alemán.
O programa continúa o 14 de novembro cun concerto da man de Rosalía Gómez Lasheras e Javier López Jorge e o 19 de decembro con Norie Takahashi. Haruna Takebe será quen interprete as sonatas 16 a 20 en xaneiro, mentres que en febreiro será a pianista Eriko Ishimoto. O ciclo complétase coas actuacións de Björn Lehmann, Manuel López Jorge, Ilona Timchenko e Willem Brons nos seguintes meses ata xuño.
O intérprete
Severino Ortiz estudou con So Young Moon e Vladimira Smausova e conseguiu a Primeira Mención de Honor de Piano no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Perfeccionouse na Academia Superior de Música e Artes Escénicas de Praga (Rep. Checa) con Frantisek Malý e no Conservatorio de Música de Centro (Finlandia) con Oleg Mantur.
Como solista interpretou o concerto nº 3 de Beethoven coa Orquestra Vigo 430 (maio 2009), o concerto nº1 de Liszt (decembro 2011) coa Orquestra Clásica de Vigo e o nº1 de Chopin coa Filharmónica Cidade de Pontevedra (marzo 2012). No verán de 2009, con motivo do Bicentenario do Grito Libertario, realizou unha xira de concertos en Bolivia co tenor José Antonio Campo Edesa, con quen colabora regularmente. En xaneiro de 2011, para celebrar o ano Liszt, o dúo Campo-Ortiz foi invitado polas embaixadas de España e Hungría para actuar en Ljubljana (Eslovenia). Ademais, participou como artista invitado na primeira e segunda edición do Festival Des Cimes et des Notes’ celebrado en Francia en xullo de 2015 e 2016.
Foi profesor de piano no Conservatorio Profesional de Música de Lugo e impartiu clases nos conservatorios de Parma, Verona, Estambul, Bari e Palermo. Actualmente é profesor de piano e pianista acompañante no Conservatorio Superior de Música de Vigo.