Ir o contido principal

Intelixencia Artificial e Xestión de Empresas Hostaleiras ampliarán a oferta de grao na USC para o curso 2022-2023

Alumnado nunha facultade da USC. FOTO: Santi Alvite
Alumnado nunha facultade da USC. FOTO: Santi Alvite
Tamén se ofertarán os novos mestrados en Intelixencia Artificial, Desafíos das Cidades, Dereito Transnacional da Empresa e das Tecnoloxías Dixitais, e Goberno Local e Políticas Públicas Innovadoras
Santiago de Compostela

O curso 2022-2023 botará a andar na USC con dous novos graos, as titulacións en Intelixencia Artificial e Xestión de Empresas Hostaleiras. O grao interuniversitario en Intelixencia Artificial está dotado cun total de 150 prazas, das cales 50 pertencen á USC, 50 á UVigo e outras 50 á UDC. Pola súa parte, o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, que impartirá o novo centro adscrito da USC, o Centro Superior de Hostalería de Galicia, contará con 75 prazas.

Coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela, as materias dos dous primeiros cursos do grao en Intelixencia Artificial son comúns ás tres universidades. En terceiro e cuarto, na USC desenvolverase a orientación en Tecnoloxías Intelixentes, cunha visión interdisciplinaria que permitirá desenvolver aplicacións e servizos de éxito, que integren modelos e tecnoloxías propios da Intelixencia Artificial con outros procedentes das intelixencias e os comportamentos naturais. A orientación en Tecnoloxías Intelixentes inclúe ademais un módulo profesional que permite cursar unha parte importante en ambiente empresarial e desenvolver competencias moi valoradas nese ámbito.

O alumnado do grao en Xestión de Empresas Hostaleiras aprenderá principios básicos no servizo ao cliente, a xestión operativa, as habilidades interpersoais e o uso da intelixencia emocional na xestión de persoas, nun contexto profesional de marcado carácter multicultural e internacional. O enfoque práctico da titulación conséguese cunha metodoloxía de grupos reducidos, en clases e instalacións deseñadas para simular situacións reais. O grao contempla dúas mencións: mención en Dirección Hoteleira e mención en Gastronomía.

Novos mestrados

A listaxe de novas titulacións complétana os mestrados en Intelixencia Artificial, Desafíos das Cidades, Dereito Transnacional da Empresa e das Tecnoloxías Dixitais, e Goberno Local e Políticas Públicas Innovadoras.

O mestrado interuniversitario en Intelixencia Artificial que ofertan as tres universidades públicas galegas conta con 60 prazas en total. Esta titulación céntrase na formación universitaria dunha das áreas que atrae máis interese no ámbito das Ciencias da Computación, tanto dende o punto de vista científico-académico como das súas aplicacións en múltiples sectores de actividade. Durante os últimos anos, a Intelixencia Artificial experimentou un desenvolvemento excepcional, motivado pola aparición de tecnoloxías que supuxeron un gran avance na disciplina e pola dispoñibilidade de recursos hardware que fixeron viable a súa aplicación en distintos dominios.

As tres universidades galegas xunto coas portuguesas de Trás-os-Montes e Alto Douro, Minho e Porto ofertarán no vindeiro curso o mestrado en Desafíos das cidades. Analizar os desafíos e respostas para os dominios que sustentan unha cidade sostible é a meta desta titulación.

A USC como institución coordinadora e a UMinho tamén traballarán de xeito conxunto na docencia do mestrado en Dereito Transnacional da Empresa e das Tecnoloxías Dixitais. Os dereitos fundamentais ou os dereitos dos traballadores poden verse afectados, tanto pola actividade empresarial como polas administracións se non se utilizan as tecnoloxías dixitais dun xeito responsable e fiable, para o que se require un marco legal eficiente. Por iso, xorde a necesidade de que os titulados/as en Dereito teñan as competencias suficientes para funcionar en contornas laborais dixitalizadas ou que demandan a resolución de problemas legais relacionados coas tecnoloxías dixitais.

Pola súa parte, o mestrado universitario en Goberno Local e Políticas Públicas Innovadoras ofrece unha formación especializada en goberno e xestión das administracións locais, orientada a reforzar as competencias de quen aspira a traballar nese ámbito público, de quen o lidera e o xestiona e de quen, dende o sector privado, ofrece servizos de apoio aos gobernos locais.

Outras titulacións

Ademais, o grao en Enfermaría e o mestrado en Enxeñaría Ambiental, xa ofertados en cursos anteriores, foron obxecto dun proceso de reverificación que permitiu actualizar os seus contidos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.06.2022.