Ir o contido principal

O Interea Congreso reúne en Compostela a máis de cincocentos especialistas en acción socioeducativa e cultural local

O encontro inaugúrase este mércores, día 20, nun acto presidido pola conselleira de Cultura

Mostrar as posibilidades do traballo profesional nas áreas municipais de educación e cultura é unha das principais finalidades do Interea 2008 Congreso que se desenvolverá en Santiago entre este mércores e o venres 22 baixo o título ‘De estudantes a profesionais na acción socioeducativa e cultura local’. O evento, que terá lugar na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur, está organizado no marco do Proxecto interea: iniciativas e recursos para a acción local, que a Deputación da Coruña promove dende 2001 a través dun convenio subscrito coas Universidades herculina e compostelá.
O congreso inaugurarase este mércores, día 20, ás 9:30 horas, nun acto ao que asisten a conselleira de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, Ánxela Bugallo; o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Santiago, Lourenzo Fernández; o decano da Facultade de Ciencias da Educación, Lois Ferradás; e o director do Grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) e coordinador científico do Proxecto Interea, José Antonio Caride.
Logo do acto oficial de apertura desenvolverase unha conversa sobre educación e cultura en Galicia na que, moderada por Antón Costa Rico, participarán os mestres galegos Antía Cal, Avelino Pousa Antelo e Tatá Viñas. Deseguido, representantes dos concellos de Betanzos, Compostela, Allariz e Ames participarán nun panel sobre as políticas locais para, xa ás 13:00 horas, ter lugar a última sesión da mañá na que se analizará o mapa formativo da acción socioeducativa e cultural local, que continuará a desenvolverse pola tarde.
Acción socioeducativa e cultural localA actividade congresual programada nesta ocasión polo Equipo interea pretende dar a coñecer as oportunidades profesionais nas áreas municipais de educación e cultura, acollendo a universitarios e profesionais da vida local galega. Para iso daranse cita os diferentes contextos formativos que conflúen no foco profesional da acción socioeducativa e sociocultural local, outorgando aos universitarios un protagonismo esencial nos procesos de formación e de profesionalización.
Neste marco, e para analizar o estado das políticas públicas e das prácticas profesionais que se realizan en distintos ámbitos da acción socioeducativa e cultural local, as sesións de traballo reunirán a máis de trinta destacados representantes da vida municipal galega. Estarán presentes distintos cargos políticos, en representación de distintos partidos e concellos da provincia, quer rurais quer urbanos, de costa e de interior.
Tamén asistirán varios técnicos municipais que desempeñan o seu labor como animadores socioculturais, educadores ambientais, educadores sociais, normalizadores lingüísticos, axentes de igualdade, axentes locais de emprego… entre outros. Aos relatorios destes profesionais engadiranse nos días sucesivos as presentacións de experiencias no terreo das artes escénicas, musicais, plásticas e audiovisuais; habilitándose tamén un espazo do congreso para o achegamento a diversos contextos socioeducativos ligados ao lecer e ao patrimonio cultural e paisaxístico.
Proxecto intereaO Proxecto interea ten o obxectivo de promover e mellorar a iniciativa municipal en materia educativa e cultural, para o cal leva a cabo un amplo conxunto de actividades, entre as que destacan os labores de investigación realizados arredor da vida cultural local, o desenvolvemento do Plan formativo da Área de Cultura, Educación e Patrimonio Histórico-Artístico, así como a edición e publicación da revista interea visual e da Colección Cadernos Temáticos para a Acción Cultural Local.
O equipoque leva a cabo o proxecto está integrado por persoal docente e investigador así como por bolseiros do Grupo SEPA, contando ademais cunha crecente participación de técnicos municipios e profesionais da educación. Este equipo, que ten como coordinador científico-técnico ao catedrático José Antonio Caride Gómez, traballa en tres grandes áreas de investigación, formación e edición, coordinadas respectivamente por Belén Caballo Villar, Carmen Morán de Castro e Héctor Pose Porto, este último da Universidade da Coruña.
Na súa andaina, o proxecto ten sido destacado como un exemplo do quefacer universitario, científico e académico da USC, a prol de poñer o coñecemento ao servizo da sociedade, sobresaíndo pola súa notable vocación municipalista. De feito, as súas iniciativas oriéntanse ao logro dunha xestión pública que consiga facer dos espazos urbanos e rurais uns escenarios respectuosos cos dereitos culturais de terceira xeración, e, en particular, co dereito ao desenvolvemento local e comunitario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.02.2008.