O segundo International Keyboard Festival & Masterclass Eurocity Tui-Valença busca voluntarios e voluntarias entre a comunidade universitaria
A Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (FCEER) colabora na organización do segundo International Keyboard Festival & Masterclass Eurocity Tui-Valença (IKFEM), cuxa programación se desenvolverá entre os días 18 e 26 de xullo. Integrado polas tres universidades galegas e as portuguesas de Porto, Minho e Trás-os-Montes e Alto Douro, a FCEER colaborará mediante o apoio dos servizos de voluntariado á organización do evento cultural, que se encargará de cubrir os gastos de aloxamento, comida e outros aspectos relacionados coa labores que se desenvolvan. As persoas interesadas en participar nesta actividade encargaranse de xestionar diferentes espazos onde se realicen as master class e concertos, acoller e informar ao público durante as actuacións ou difundir folletos e carteis por diferentes zonas arredor das cidades de Tui e Valença, entre outras actividades. Quen estea interesado/a pode informarse no enderezo info [at] ikfem.com (info[at]ikfem[dot]com), onde tamén poderán formalizar a súa inscrición. IKFEM Do 18 ao 26 de xullo IKFEM ofrecerá ao público a posibilidade de construír un percorrido histórico entre as cidades de Tui e Valença de Minho a través dun programa de master class, obradoiros e concertos que achegarán ás persoas que participen un repertorio de pezas de música barroca, a clásica, romántica e contemporánea, sen esquecer o jazz, a música electrónica, sempre mantendo como tema común o piano.
No apartado das clases maxistrais, este festival contará coa presenza de mestres de renome internacional como Vicenzo Balzani, Rasa Biveiniene, Marisol Mendive e Abe Rábade.