Ir o contido principal

Internos e funcionarios do cárcere de Bonxe expoñen en Ciencias da Educación a súa visión do Camiño Primitivo de Santiago

A exposición trae a Compostela fotografías, maquetas e outro material recollido polos internos e funcionarios do cárcer de Bonxe que realizaron o Camiño Primitivo a Compostela
A exposición trae a Compostela fotografías, maquetas e outro material recollido polos internos e funcionarios do cárcer de Bonxe que realizaron o Camiño Primitivo a Compostela

A Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur acubillará dende este martes, día 13, e ata o próximo día 28 a exposición ‘Unha ollada ao Camiño Primitivo de Santiago” que organiza a Asociación de Viandantes do Camiño Primitivo, integrado por persoal e internos do cárcere de Bonxe (Lugo). A inauguración da mostra celebrouse este martes no centro compostelán.
As 50 fotografías expostas, así como maquetas e outro material, recollen aspectos diversos do Camiño Primitivo, seleccionadas entre as moitas realizadas por internos e funcionarios da prisión durante as súas saídas programadas ao longo desta ruta xacobea. Anualmente a asociación realiza percorridos por este tramo do Camiño con saída en Oviedo e chegada en Compostela.
O próximo destino da mostra serán as instalacións da Facultade de Ciencias da Educación no Campus Norte, onde permanecerá aberta ao público ata o próximo 4 de febreiro. Trátase dunha iniciativa promovida pola Comisión de Cultura da Facultade que conta co patrocinio da SA de Xestión do Plan Xacobeo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.01.2009.