Ir o contido principal

Inventarían por vez primeira a obra de Juan José Fernandez Leiceaga, “Sesé”

Portada do catálogo 'Sesé. Sinfonía inacabada'
Portada do catálogo 'Sesé. Sinfonía inacabada'
A exposición ‘Sesé. Sinfonía inacabada’ inaugúrase este xoves ás 20.00 horas en Fonseca

A Universidade de Santiago de Compostela, a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Noia xuntaron esforzos para renderlle unha homenaxe ao artista Juan José Fernandez Leiceaga, “Sesé”, co inventario, por vez primeira, da súa extensa e espléndida produción nunha publicación e nunha exposición.

Ambas as dúas iniciativas, que recuperan creacións especialmente para a ocasión entre distintas coleccións públicas e privadas, presentaranse este xoves 26 ás 20.00 horas no Salón Artesonado do Colexio de Fonseca nun acto que coincide coa inauguración da exposición ‘Sesé. Sinfonía inacabada’. Participarán o reitor Juan Viaño; o presidente da Deputación, Valentín González Formoso; o alcalde de Noia, Santiago Freire; a comisaria da mostra, Mercedes Rozas; e Xaquín Fernández Leiceaga, irmán do artista.

Sesé
Juan José Fernandez Leiceaga, “Sesé”, nado en Noia en 1962, licenciouse na Facultade de Belas Artes da Universidade de Valencia. A súa paixón pola pintura comezou xa de neno e con só 11 anos gañou o primeiro premio de pintura infantil ao aire libre organizado por Caixa Galicia en Noia en 1973 cunha vista sobre os tellados da súa vila. Máis adiante, acadou tamén os primeiros premios nos concursos de pintura de Xuquer e Catarroja en Valencia e en 1987 foi seleccionado na Bienal de Pontevedra.

A súa traxectoria foi curta pero intensa e ampla. Sesé traballou durante anos baixo referencias recoñecidas como a de Van Gogh, Matisse, Picasso ou Pollock, cunha creación persoal que desenvolveu desde o academicismo neofigurativo ata o expresionismo máis vehemente. Durante a década dos oitenta estivo influenciado polo constante movemento de tendencias que afloraron con ímpeto nesta época, correntes que naquel momento interpelaban os artistas galegos desde Alemaña, Italia ou Estados Unidos.

Avilés de Taramancos dixo del que era “o retrato do artista adolescente que quer romper cos moldes estabelecidos e rompe con eles a flor dá súa vida”; e de Avilés mantense o título (Sinfonía inacabada), tanto do catálogo coma da mostra, que este evocou nun afectivo e sentido texto ao seu amigo en 1990, xusto un ano despois de que falecese.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.01.2017.