Ir o contido principal

Unha investigación do CiQUS, elixida como unha das mellores teses de doutoramento do mundo en 2021

Soraya Learte desenvolveu a súa tese de doutoramento no CiQUS
Soraya Learte desenvolveu a súa tese de doutoramento no CiQUS
O traballo de Soraya Learte, dirixido polo profesor da USC, José Luis Mascareñas, acaba de ser distinguido polos premios que outorga a Unión Internacional de Química Pura e Aplicada (IUPAC) e o grupo químico internacional Solvay, así como pola Real Sociedade Española de Química
Santiago de Compostela

A tese da investigadora do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), Soraya Learte, acaba de ser considerada como unha das mellores do mundo de 2021 en química. Así o acaba de anunciar a Unión Internacional de Química Pura e Aplicada (IUPAC) e o grupo químico internacional Solvay na resolución dos seus premios internacionais para mozos e mozas químicos do presente ano. Ademais, a mesma tese foi premiada tamén pola Real Sociedade Española de Química como a mellor tese do 2021 na especialidade de Química Biolóxica.

O traballo da investigadora, realizado baixo a dirección do profesor da USC José Luis Mascareñas, profunda no deseño de novas encimas artificiais para o seu estudo en diferentes aplicacións dentro do campo da química biolóxica. A análise foi a única tese española galardoada nos premios IUPAC-Solvay 2022, recibindo unha mención de honra. Nesta convocatoria, o xurado outorgou cinco gañadores e tres menciones honoríficas, entre as que se atopa o traballo da investigadora do CiQUS como única representante española.

Premio IUPAC-Solvay

O premio, promovido pola IUPAC e a empresa científica Solvay, naceu no ano 2000 co obxectivo de alentar a mozos e mozas investigadoras ao comezo das súas carreiras científicas. Este premio outórgase a teses destacadas na área da química. O comité de selección estivo presidido por Christopher Brett, ex presidente da UIPAC e composto por membros desta entidade, ademais dun asesor científico senior de Solvay, todos eles con ampla experiencia no eido da química.

Tese dobremente premiada

A investigación de Soraya Learte tamén foi recentemente premiada pola Real Sociedade Española de Química como a mellor tese  do grupo de Química Biolóxica na convocatoria do 2021. Este premio da RSEQ está dotado con 800 euros e a posibilidade de presentar a tese en forma de comunicación oral na seguinte bienal do Grupo Especializado en Química Biolóxica GEQB-RSEQ Valencia 2022.

A investigación de Soraya Learte que leva por título ‘Metalopéptidos e metaloproteínas en química biolóxica: da unión ao ADN á catálise  intracelular’ desenvolveuse plenamente no CiQUS e describe o deseño, síntese e aplicación de metalopéptidos e  metaloproteínas dentro da área da Química Biolóxica. O estudo, que supón un novo avance na investigación de metaloenzimas artificiais activas para o tratamento de enfermidades como o cancro, recibiu a cualificación de sobresaliente cum laude e a mención europea (doutoramento internacional). Ademais, a autora foi tamén premio Lilly 2021, que recoñece a excelencia investigadora no ámbito académico, por este mesmo traballo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.05.2022.