Unha investigación da EPS busca unha solución eficaz e sen efectos negativos contra as malas herbas da Muralla de Lugo

Un traballo desenvolvido desde a Escola Politécnica Superior de Lugo, dirixido polo catedrático Antonio Rigueiro e a profesora Elvira Díaz Vizcaíno, ten como obxectivo estudar polo miúdo a flora vascular da Muralla de Lugo, co obxectivo de establecer un sistema viable técnica e economicamente de erradicación eficaz das malas herbas que colonizan e danan o monumento, e que ao tempo non sexa prexudicial para a pedra, a fauna que a utiliza como refuxio e o medio ambiente. Aínda que os traballos seguirán nos próximos anos, os resultados xa recollidos mostran que o tratamento máis viable é o químico, por riba doutras opcións ensaiadas como o arrinque, a sega ou o emprego de calor. “Iso si, reducindo as aplicacións ao mínimo, elixindo produtos autorizados que sexan eficaces e non moi contaminantes, utilizando doses baixas e facendo as aplicacións con precaución e en épocas e horas nas que se minimicen os posibles efectos negativos. Desde o punto de vista da conservación e da estética do monumento, parécenos necesario un control integrado e sostible da flora vascular das paredes, que pasaría por combinar a corta das plantas con, polo menos, unha aplicación anual de fitocida”, explica Antonio Rigueiro. Quince anos de experiencia Os estudos sobre as malas herbas na muralla comezaron en 1997, ao abeiro dun convenio asinado entre a Consellería de Cultura e a USC. Daquela realizouse un estudo detallado sobre a composición e abundancia da flora da muralla, e catalogáronse máis de cen especies, entre elas unhas dez herbáceas que destacaron pola súa alta abundancia; sorprendeu a presenza de pequenas árbores e arbustos (pradairos, loureiros, espiños...) xa enraizados na parede interior, o que producía importantes danos ao monumento. Entre 1997 e 2000 realizouse tamén unha avaliación de diferentes métodos de control da flora leñosa e herbácea, comparando tratamentos mecánicos (arrinque, sega), físicos (calor, aplicada cun queimador ou con infravermellos) e químicos (herbicidas de translocación e de contacto de última xeración e respectuosos co medio ambiente). Especies resistentes Logo destes anos de experiencia constatouse que, malia a redución de cobertura vexetal na muralla debida á aplicación continuada dos tratamentos, algunhas especies acadaron progresivamente unha abundancia máis elevada, como consecuencia da redución da diversidade. Por este motivo, xurdiu a necesidade de analizar tanto as súas estratexias rexenerativas como a sensibilidade aos sistemas de control utilizados. Especies herbáceas como Parietaria judaica e Cymbalaria muralis, que son actualmente as máis abundantes nas paredes da muralla, sobreviven cada vez con maior facilidade aos tratamentos de erradicación aplicados. “Non sabemos se son menos sensibles ao principio activo, se desenvolven estratexias de resistencia ou se simplemente colonizan os ocos que quedan ao desaparecer outras especies”, explica Antonio Rigueiro. Este ano probaranse en pequenas parcelas outros principios activos autorizados para parques e xardíns, co fin de reducir o risco de aparición de resistencia nalgunhas plantas. Sen risco de contaminación Os resultados dos ensaios iniciais indicaron que os tratamentos químicos son, entre os estudados, os máis eficaces, e non producen ningunha alteración na pedra, ademais de presentar un risco de contaminación ambiental baixo, “sobre todo se transcorre polo menos unha semana sen choiva dende a súa aplicación”, aclara Rigueiro. En canto aos principios activos probados, o glifosato resultou ser o máis eficaz para o control das malas herbas. “Hai presentacións de glifosato autorizadas para uso urbano en parques e xardíns, e conta tamén con aprobación da Unión Europea, bastante restritiva ao respecto, que o considera un produto que, se se emprega axeitadamente e nas condicións normais de uso, non é prexudicial para os humanos, os animais e o medio ambiente”, indica Rigueiro, quen afirma que as publicacións que desde finais do século pasado veñen alertando sobre a súa nocividade “derivan de experiencias en condicións moi diferentes ás habituais de uso”. Nas paredes da muralla aniñan especies de aves como o cirrio común e o curroxo común, aniñamento que se produce habitualmente nos meses de maio, xuño e xullo. Por este motivo, os responsables do estudo recomendan non facer nese período tratamentos de control da flora, e así se está facendo. Nos máis de dez anos que se veñen aplicando tratamentos químicos non se observaron danos á fauna da muralla. Outras opcións A corta das plantas como único sistema de control non se considera viable desde os puntos de vista económico, ecolóxico e de conservación do monumento, xa que nas épocas de maior crecemento da vexetación, cando se remata o labor hai que volver a comezalo por onde se empezou, moléstanse os animais, dificúltase o tráfico rodado e as raíces das plantas vivaces seguen medrando e engrosándose, consumindo argamasa e desestabilizando as pedras. Tampouco o arrinque directo das plantas vivas soluciona o problema a longo prazo, pois hai bancos de sementes que recuperan as poboacións en pouco tempo; ademais, deste xeito contribúese á deterioración da muralla, ao desprenderse pedras e unha parte do morteiro e substrato que se vai depositando entre as laxes. Os tratamentos térmicos hai que repetilos con moita frecuencia para que sexan efectivos, polo que poden danar os materiais de construción do monumento (alternancias calor-frío) e prexudicar de xeito importante a fauna que habita nas paredes. Ademais, para aplicar a todo o monumento estes sistemas físicos (flamas, infravermellos…) sería necesario desenvolver tecnoloxías axeitadas, o que complicaría e encarecería o proceso. Estado no que se atopaba parte da parede exterior da Muralla de Lugo antes da aplicación dos tratamentos Zona da Porta Miñá da Muralla de Lugo unha vez aplicado o tratamento químico e retiradas as plantas secas


