Ir o contido principal

Unha investigación da EPS de Lugo analiza o emprego da biomasa forestal como fonte de enerxía

Empacadora empregada nos labores de recollida de mostras para o estudo sobre a biomasa forestal desenvolvido pola UXFS da USC
Empacadora empregada nos labores de recollida de mostras para o estudo sobre a biomasa forestal desenvolvido pola UXFS da USC
A xeración de calefacción e electricidade ou a elaboración de biocombustibles son algunhas das utilidades dos subprodutos da industria do monte

A Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) da Escola Politécnica Superior de Lugo desenvolve desde o ano 2006 unha liña de investigación para mellorar os sistemas de estimación e calidade da biomasa forestal nos montes galegos, e para optimizar o seu uso como fonte de enerxía. Entre as potenciais utilidades da biomasa forestal (procedente dos propios árbores ou das matogueiras que medran en superficie) está o seu uso térmico en fornos, estufas e caldeiras, tanto domésticas como industriais, mediante a súa queima directa ou xa pelletizada (prensada en pequenos fragmentos cilíndricos) ou en estelas. Deste xeito prodúcese calefacción, auga quente sanitaria, refrixeración ou calor para uso industrial. “Este é o destino principal da biomasa, xa que nos últimos anos houbo unha grande evolución nos equipos de combustión, e os actuais son limpos, automatizables e moi eficientes enerxeticamente” , explica Roque Rodríguez Soalleiro, responsable desta liña de investigación dentro da UXFS. Outro dos seus usos é a xeración de enerxía eléctrica, aínda que para esta finalidade o rendemento da biomasa é máis baixo, polo que resulta máis interesante a coxeración térmico-eléctrica. Finalmente, unha nova liña de emprego da biomasa é a elaboración de biocombustible de segunda xeración, é dicir, bioetanol ou biodiésel. Xa existen plantas piloto desenvolvendo este uso, que ten a vantaxe fronte a outras materias primas (soia, colza...) de que neste caso non se compite con cultivos de destino alimentario. Análise de diferentes especies Para o desenvolvemento deste estudo traballouse en parcelas distribuídas por toda Galicia, e con especies que van desde eucaliptos ata carballos ou bidueiros, pasando por diferentes tipos de piñeiro: pinaster ou do país, radiata e de Oregón (sobre esta última variedade céntranse actualmente os traballos do grupo de investigación). En total, analizáronse uns 300 exemplares en diferentes graos de crecemento, sobre os que se realizaron labores de medición, corta, pesado das fraccións en húmido e secado en forno das mostras para o seu pesado en seco. Segundo a calidade da biomasa forestal obtida (con fragmentos procedentes do tronco, follas, ramas, casca, cepas...), o seu uso varía. Por exemplo, a biomasa de uso térmico doméstico é preciso que sexa de moi boa calidade, mentres que a de uso industrial admite unha maior porcentaxe de impurezas, como casca ou folla, así como unha granulometría máis basta. En todo caso, a rendibilidade económica desta actividade xa está demostrada. “Pensemos nas empresas que comercializan leña, estelas ou pellets para queimar. Neste último caso o mercado medrou exponencialmente nos últimos anos, e en Galicia xa temos dúas plantas dedicadas a esta actividade (Ecowarm, en Brión, e Biomasa Forestal, nas Pontes), ademais doutra moi próxima, na localidade asturiana de Tineo”, afirma Roque Rodríguez. E para os montes a actividade de extracción da biomasa tamén supón beneficios, xa que se reduce o risco de incendios ao eliminar o material degradado, sempre e cando se realice de xeito non intensivo, pois unha retirada masiva de biomasa non é sustentable, debido á perda de nutrientes do monte que suporía. Difusión dos resultados Os responsables do proxecto programan xa unhas xornadas de difusión que se celebrarán logo do verán, e ás que estarán convidados técnicos, xestores e propietarios do monte en Galicia. “Nos últimos anos xa se desenvolveron tres encontros similares, nos que quedou demostrada a eficacia da transferencia directa de coñecementos de cara aos beneficiarios das investigacións que desenvolve o noso grupo, así que seguimos apostando por esta vía”, indica Roque Rodríguez. Ademais, a través da páxina web da UXFS pódese descargar unha aplicación desenvolvida polo grupo de investigación e mediante a cal é posible calcular a biomasa seca dunha determinada superficie, a través da introdución dunha serie de parámetros de doada obtención. Mostras no laboratorio Labores de troceado

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.06.2012.