Ir o contido principal

Unha investigación da EPS de Lugo analiza a resistencia contra as pragas das especies de piñeiro máis estendidas en Galicia

Un equipo de traballo da Unidade de Xestión Forestal Sostible da USC desenvolve a investigación dende 2010
Un equipo de traballo da Unidade de Xestión Forestal Sostible da USC desenvolve a investigación dende 2010
O traballo dirixido por Josefa Lombardero pretende axudar aos propietarios e xestores forestais na toma de decisións sobre a selección de especies e os tratamentos preventivos

Un equipo de traballo da Unidade de Xestión Forestal Sostible da USC desenvolve desde o ano 2010 un proxecto cuxo obxectivo é caracterizar os patróns de resistencia fronte a pragas de Pinus pinaster e P. radiata, os dous tipos de conífera máis estendidos en Galicia, de xeito que se lle poida trasladar aos propietarios e xestores forestais información útil para a toma de decisións en cuestións como a selección de especies ou os tratamentos preventivos. A conclusión da investigación está prevista para o ano 2013, aínda que varias das liñas de traballo xa están finalizadas e xa se obtiveron os primeiros resultados. O obxectivo último da investigación é coñecer a resistencia das árbores, “entendendo por resistencia todas aquelas situacións nas que o ataque dun insecto ou o seu establecemento na planta se ve desfavorecido por certas características da árbore, principalmente as súas defensas físicas e químicas. Se coñecemos como o sistema defensivo dunha planta responde dependendo da calidade de estación, poderiamos determinar en certa medida a vulnerabilidade da árbore fronte os distintos patóxenos e insectos nesa situación concreta e establecer pautas de prevención”, explican os responsables do proxecto. O equipo da USC, dirixido pola profesora María Josefa Lombardero, está integrado por María Jose Fraile Diaz e Javier Pereira-Espinel Plata. Ademais da UXFS, colaboran no estudo a Misión Biolóxica de Galicia do CSIC (a través do doutror Rafael Zas Arregui), o Centro de Investigación Forestais de Lourizán (cos doutores Luis Sampedro e Xoaquin Moreira, a Universidad de Extremadura (cos doutores Alejandro Solla Hach e María Vivas Conejero) e o Dartmouth College dos EE.UU. (coa participación do doutor Matthew P. Ayres). O estudo, financiado pola Xunta de Galicia, elaborouse a partir dos datos recollidos en diversas parcelas localizadas en calidades de estación diferente, para o cal se escolleron masas de arborado diseminadas por unha ampla zona do territorio galego. Consecuencias das pragas “A sanidade forestal é un tema que preocupa moito nestes momentos a propietarios e xestores debido á ameaza que supoñen algúns organismos de corentena que afectan precisamente a estas coníferas”, explica Josefa Lombardero, “pero á parte destes organismos, os piñeiros son obxectos de numerosos ataques por parte de fungos (banda vermella, armillaria, diplodia) e insectos (como a procesionaria do piñeiro ou os escolítidos)”. Segundo Lombardero, “os danos que poden causar os organismos responsables das pragas son moi variables e van desde a perda de crecemento ata a morte da planta. En moitas ocasións, que se produza un feito ou outro vai depender da capacidade da planta para responder ante o ataque, e esta resposta pode verse moi influenciada pola dispoñibilidade de auga e nutrientes. Este son o tipo de variables que estamos a analizar neste estudo”. Máis alá dos tratamentos posteriores á aparición da praga, os responsables do proxecto son concluíntes: “A prevención constitúe o mellor sistema de control de pragas e o máis respectuoso co medio ambiente. A aplicación dunha silvicultura preventiva (selección de especie, tratamentos silvícolas axeitados etc.) pode reducir enormemente o impacto dunha praga, ben reducindo as probabilidades de ataque do insecto ou reducindo a vulnerabilidade da masa”. Unha boa planificación dunha plantación non ten custes engadidos; porén, o problema que xorde moitas veces é que a especie máis axeitada para unha zona concreta non é a que máis medra, polo que os propietarios poden ver reducidas as súas expectativas produtivas. “Neste caso, o que debe ter en conta o propietario é que talvez por pretender maiores rendementos finais se ve exposto a un maior custo de mantemento da explotación debido aos problemas sanitarios que pode sufrir esa especie”. Detalle dos dispositivos de extracción de resina para o estudo Proceso de resinación en resposta á presenza de plaga de procesionaria

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.12.2012.