Ir o contido principal

Unha investigación da USC confirma o aluminio como factor de risco no desenvolvemento do Párkinson

Os resultados obtidos, publicados en Journal of Neurochemistry, advirten da necesidade de moderar e controlar os niveis de aluminio na nosa vida cotiá

Un estudo da USC levado a cabo en animais de experimentación confirmou que, se ben por si só non é capaz de provocar o Párkinson, o aluminio combinado con outros elementos é un factor de risco no desenvolvemento da enfermidade. A esta conclusión chegou Sofía Sánchez Iglesias na súa tese de doutoramento que defendeu recentemente baixo a dirección de Ramón Soto Otero e Estefanía Méndez Álvarez.A enfermidade de Parkinson é un proceso neurodexenerativo ocasionado por unha perda selectiva de neuronas dopaminérxicas do sistema neuronal cerebral coñecido como sistema nigroestriatal, sendo unha das súas principais funcións a modulación do sistema motor.
Nos últimos anos diversos traballos puxeron de manifesto que en numerosos casos de Párkinson se atopan concentracións de aluminio en cerebro que están moi por riba dos niveles normalmente observados en individuos que non padecen esta enfermidade. Por outra banda, un estudo epidemiolóxico levado a cabo en EE.UU. demostrou a existencia dunha alta incidencia de Párkinson entre persoas con úlceras gástricas que durante moito tempo foron tratadas con antiácidos que contiñan sales de aluminio. De aí que os investigadores consideren que o aluminio pode actuar como un factor etiolóxico no desenvolvemento desta enfermedade.
O aluminio actúa no cerebro diminuíndo a actividade dos sistemas enzimáticos antioxidantes de que dispón para loitar contra o estres oxidativo, é dicir, contra a acumulación de radicais libres, substancias que atacan ás células en xeral e ás neuronas dopaminérxicas en particular. A toxicidade observada no estudo afecta a diferentes áreas cerebrais e débese a danos oxidativos por acción do anión superóxido de aluminio e outros radicais libres.
Esforzos na prevenciónDado que a enfermidade, da que aínda non se coñece con exactitude a súa etioloxía, presenta unha incidencia relativamente alta e en aumento entre as persoas maiores de 65 anos e que, segundo a OMS, a idade á que se diagnostica é cada vez menor, parece lóxico o interese en esclarecer os mecanismos moleculares polos que se desenvolve así como os factores que afectan no proceso neurodexenerativo. Ademais, como explica Sofía Sánchez, a maior parte dos tratamentos farmacolóxicos actuais tratan exclusivamente a sintomatoloxía da enfermidade.
Tendo en conta estes datos e que na sociedade actual sufrimos unha alta exposición ao aluminio -utensilios de cociña, materiais para envasado e conservación de alimentos, fármacos, produtos de cosmética e perfumería, etc.-, Sofía Sánchez levou a cabo unha investigación exhaustiva co fin de profundar no coñecemento dos posibles mecanismos moleculares responsables da neurotoxicidade dese metal. “Todo en aras de poder previr no posible o Párkinson así como favorecer o descubrimento de novas estratexias terapéuticas”, explica.
Moderar os niveisDos resultados obtidos, que acaban de ser publicados na prestixiosa revista Journal of Neurochemistry, a investigadora da USC non dubida en advertir da necesidade de moderar e controlar os niveis de aluminio aos que se ve sometida a sociedade actual.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.02.2010.