Ir o contido principal

Unha investigación da USC establece unha relación directa entre a obesidade e un receptor celular

Membros do grupo de investigación Metabolismo Molecular, entre os que se atopan Rubén Nogueiras (cuarto pola esquerda) e Amparo Romero-Picó (primeira pola dereita)
Membros do grupo de investigación Metabolismo Molecular, entre os que se atopan Rubén Nogueiras (cuarto pola esquerda) e Amparo Romero-Picó (primeira pola dereita)
O estudo, liderado polo investigador do CIMUS Rubén Nogueiras, foi publicado na revista FASEB Journal, unha das máis prestixiosas do mundo no ámbito da biomedicina

Un estudo no que participan os investigadores do Centro de Investigación Médica da Universidade de Santiago (CIMUS) Amparo Romero-Picó e Rubén Nogueiras achega novos datos sobre a relación entre un determinado receptor celular e a acumulación de graxa no organismo. O traballo acaba de ser publicado na edición dixital da revista FASEB Journal, unha das máis prestixiosas do mundo no ámbito da investigación biomédica. A investigación describe os efectos derivados da supresión do receptor opioide delta (presente en todos os animais e un dos responsables do control da analxesia, é dicir, da sensación de dor) nun grupo de ratos. “Desde hai anos sábese que o sistema opioide, do que forma parte o receptor opioide delta, ten unha importante influencia sobre a regulación da inxesta, pero ata agora descoñecíanse os posibles efectos que este sistema podía ter sobre outros parámetros involucrados na regulación do peso corporal”, explica Rubén Nogueiras. Este estudo vén demostrar por primeira vez que a perda deste receptor provoca efectos beneficiosos no metabolismo: os ratos que non posúen o receptor opioide delta engordan menos que os ratos normais cando son sometidos a unha dieta alta en graxas. O motivo para este menor incremento do peso corporal é que os ratos aos que se lles eliminou este receptor (mediante enxeñería xenética) presentan un maior gasto enerxético, e isto ocorre porque o seu tecido adiposo pardo queima máis graxas para xerar calor corporal. Outros efectos beneficiosos A investigación achega outro valioso resultado: ademais de gañar menos peso, estes roedores están tamén protexidos contra a esteatose hepática inducida pola dieta, é dicir, o almacenamento de lípidos no fígado como consecuencia dunha dieta excesivamente rica en graxa. Pola contra, non se detectou ningún efecto prexudicial no grupo de ratos estudado, “aínda que haberá que seguir establecendo controis neste sentido durante as seguintes fases da investigación, pois estes efectos secundarios poden desencadearse máis a longo prazo”, indica Rubén Nogueiras. Unha segunda fase do estudo probará a eliminar o receptor opioide delta mediante a administración a longo prazo dun composto inhibidor en ratos obesos, previamente engordados mediante unha dieta específica: “Deste modo poderemos obter uns datos moito máis axustados ao comportamento posterior deste proceso de inhibición do receptor en humanos. E se os resultados seguen sendo positivos, entrariamos entón nunha posible fase de ensaios clínicos”, explica o responsable da investigación. O estudo liderado por Nogueiras está financiado pola Xunta de Galicia, o Ministerio de Economía e Competitividade e pola Unión Europea (Programa ERC Starting Grant), e conta coa participación de varios grupos norteamericanos entre os que se atopa un pertencente á compañía farmacéutica Eli Lilly. Imaxe comparativa da temperatura xerada en ratos normais (esquerda) e nos que non teñen o receptor opioide delta (dereita)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.05.2012.