Ir o contido principal

Unha investigación da USC evidencia a necesidade de optimizar a loita biolóxica para frear a defoliación de eucaliptos

Rosa Pérez e Pedro Mansilla, na EPS
Rosa Pérez e Pedro Mansilla, na EPS
A tese de doutoramento presentada na EPS pola enxeñeira de Montes pontevedresa Rosa Pérez Otero obtivo a máxima cualificación de sobresaínte ‘cum laude’

A enxeñeira de Montes pontevedresa Rosa Pérez Otero evidencia na tese de doutoramento que vén de presentar na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC a necesidade de optimizar os programas de loita biolóxica para contrarrestar e frear as defoliacións primaverais que rexistran os eucaliptos pola acción do Gonipterus platensis Marelli e que se derivan esencialmente da falta de ootecas en inverno máis que da non resistencia ao frío.

Esta recomendación para mellorar o control das pragas dos eucaliptos aparece recollida nas conclusións da tese de doutoramento ‘Pragas do eucalipto en Galicia: identificación, situación actual e posibilidades de control’, realizada por Pérez Otero baixo a titoría da profesora do Departamento de Produción Vexetal da USC e coa dirección de José Pedro Mansilla Vázquez, director da Estación de Fitopatoloxía de Areeiro de Pontevedra. O obxectivo desta investigación non é outro que o de avaliar a situación actual dos eucaliptais galegos en relación ás pragas que lles afectan, analizar a eficacia dos medios de control que se están aplicando e estudar outras opcións de loita. Este interese vén dado tamén polo aumento dos eucaliptais nos montes galegos, unha tendencia derivada, entre outros factores, pola quenda curta desta especie, a súa frugalidade e a existencia de mercado para a súa madeira. A ausencia de pragas durante décadas foi outro dos elementos determinantes para a masificación de eucaliptos, pero o incremento do comercio entre países propiciou a introdución accidental dalgunhas pragas, o que redunda na redución da súa produtividade. As prospeccións realizadas por Rosa Pérez Otero no marco da súa tese de doutoramento demostraron que o parasitoide Anaphes nitens Girault non alcanzou o pretendido equilibrio biolóxico co defoliador Gonipterus platensis Marelli, que continúa provocando fortes perdas de follaxe. As pescudas feitas por esta enxeñeira de Montes pontevedresa constataron tamén a existencia dunha xeración estival do gurgullo que produce perdas de folla de menor entidade. Os resultados dos ensaios contra esta praga, nos que se empregaron ata 31 materias activas insecticidas, varias testadas por primeira vez, revelan que ningunha logra controlar eficazmente ao defoliador e respectar ao parasitoide. Probouse unha potencial actividade disuasoria da alimentación do residuo derivado da elaboración do aceite de camelia. Así mesmo, púxose de manifesto que a incidencia do psílido Ctenarytaina spatulata Taylor é moi superior á que presentaba fai dez anos. Atopáronse inimigos naturais xerais nas súas colonias, pero insuficientes para a regulación da praga. Realizáronse os primeiros ensaios de eficacia fronte ao psílido, demostrándose que algúns insecticidas de orixe natural poden lograr un control parcial das súas poboacións. As demais pragas presentes en Galicia teñen escasa incidencia na actualidade por ser propias de climas cálidos, estar ben controladas polo seu inimigo natural (Ctenarytaina eucalypti Maskell), ser detectadas recentemente (Glycaspis brimblecombei Moore ou Ophelimus sp.) ou só puntualmente (Amasa truncata Erichson), explica a xefa da unidade de artrópodos e control integrado da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. Os resultados presentados por Pérez Otero na súa tese de doutoramento evidencian a necesidade de optimizar os programas de loita biolóxica fronte a G. platensis concentrando as soltas do parasitoide nos momentos críticos. A loita química con insecticidas sintéticos podería ser un complemento se se realiza en períodos de menor actividade do parasitoide. O uso de insecticidas naturais de mellor perfil ecotoxicolóxico xunto co residuo resultante da elaboración do aceite de camelia podería ser outra alternativa. Outra das conclusións recollidas na tese de doutoramento atinxen á necesidade de expor o control das poboacións de C. spatulata en Galicia e de vixiar a potencial dispersión das pragas de introdución recente ou a aparición doutras que poidan ameazar aínda máis o bo rendemento do eucalipto en Galicia. Tribunal e cualificación da tese O catedrático da Universidade Politécnica de Madrid Antonio Notario Gómez, presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese presentada por Rosa Pérez Otero, que mereceu a cualificación de sobresaínte cum luade. Pedro del Estal Padillo, da Universidade Politécnica de Madrid; Alfonso Hermoso De Mendoza Arocas, do Instituto Valenciano de Investigacións Agrarias, e os profesores da USC Marcos Andrés González González e José Carlos Otero González, quen actuou como secretario, completaron a composición do tribunal avaliador.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.12.2015.