Ir o contido principal

Unha investigación da USC sobre o impacto dos xenes saltadores na proliferación tumoral obtén financiamento da Fundación La Caixa

O profesor da USC José Tubío é o responsable do proxecto
O profesor da USC José Tubío é o responsable do proxecto
O proxecto dirixido polo profesor José Tubío é o único seleccionado en Galicia e recibirá preto de medio millón de euros ao abeiro da última convocatoria CaixaResearch de Investigación en Saúde 2022
Santiago de Compostela

O proxecto do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), dirixido polo profesor José Tubío, para descifrar o impacto dos “xenes saltadores” na proliferación tumoral acaba de ser premiado pola Fundación La Caixa na última Convocatoria CaixaResearch de Investigación en Saúde 2022, e financiado con 495.000 euros. No seu conxunto, a Fundación impulsa 33 novos proxectos punteiros de investigación biomédica en España e Portugal que poidan impactar de forma positiva na saúde das persoas. A entidade dota cun total de 23,1 millóns de euros estes proxectos ―20 deles, españois, e 13, portugueses―, que deberán desenvolverse durante os próximos tres anos. O da USC é o único que obtivo financiamento en Galicia.

O xenoma humano alberga o mesmo número de xenes que codifican para proteínas que o dun simple verme. Por tanto, a nosa complexidade explícase pola forma en que os nosos xenes están regulados. Neste sentido, unha fracción importante do noso ADN componse de fragmentos que teñen a capacidade de moverse; son os chamados xenes saltadores ou elementos móbiles: transposóns e retrotransposóns. “Os retrotransposóns poden saltar dun lado a outro do xenoma e ocasionar perdas de fragmentos de material xenético ou introducir rexións regulatorias”, sinala José Tubío. Estudos anteriores concluíron que os retrotransposóns conforman unha fonte importante de mutacións en cancro, aínda que as consecuencias funcionais que ten a súa actividade resultan bastante descoñecidas.

Neste proxecto, “tentamos descifrar ata que punto este salto dos retrotransposóns cambia o contexto da estrutura tridimensional do xenoma tumoral e impacta na función dos xenes do cancro”, explica o investigador principal do CiMUS da USC.

A convocatoria, á que este ano se presentaron 546 propostas, ten como obxectivo identificar e impulsar as iniciativas de gran excelencia científica e de maior valor potencial e impacto social, en investigación tanto básica como clínica, translacional e de innovación. En concreto, todas elas van dirixidas á abordaxe de ámbitos que supoñen un reto en saúde, como as enfermidades infecciosas (11 proxectos), as neurociencias (9 proxectos), a oncoloxía (8 proxectos) e as enfermidades cardiovasculares e metabólicas relacionadas (5 proxectos). Varias das iniciativas premiadas desenvolverán tecnoloxías biomédicas que permitirán abordar algúns destes retos en saúde. En canto á procedencia dos proxectos seleccionados, 20 son de centros de investigación e universidades de distintas comunidades autónomas de España.

A convocatoria CaixaResearch realízase en participado coa Fundação para a Ciência e a Tecnologia (FCT), do Ministerio de Ciencia, Tecnoloxía e Ensino Superior de Portugal, que achega 2,3 millóns de euros para subvencionar 3 dos 13 proxectos portugueses seleccionados nesta edición. A convocatoria tamén está apoiada pola Fundación Luzón, que cofinancia, xunto á Fundación La Caixa, un proxecto sobre a ELA.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.09.2022.