Unha investigación da USC mostra unha solución sinxela e barata para facer modelos 3D de bens patrimoniais a partir de imaxes

Unha investigación desenvolvida na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC polo enxeñeiro de Montes Santiago Martínez Rodríguez pontevedrés expón unha solución sinxela e económica para elaborar modelos 3D de diferentes elementos patrimoniais a partir das imaxes captadas por unha cámara fotográfica convencional.
A técnica empregada por Santiago Martínez na elaboración da súa tese de doutoramento, unha investigación dirixida polos profesores da USC Mari Luz Gil Docampo e Juan Ortiz Sanz e que se desenvolve baixo o título ‘Avaliación en campo dunha técnica fotogramétrica de rango próximo e baixo custe baseada na correlación automática de imaxes’, caracterízase polo emprego de algoritmos matemáticos que permiten obter nubes de puntos da superficie dun obxecto, cos que logo se pode reproducir de xeito virtual a súa forma xeométrica. Esta posibilidade permite asemade a obtención de modelos de alta precisión e acabado fotorrealista. A tese de doutoramento que vén de presentar Santiago Martínez na Escola Politécnica Superior da USC vertébrase arredor de catro artigos científicos xa publicados en revistas de impacto internacional. A investigación realizada dá conta do enorme potencial da técnica fotogramétrica de rango próximo na documentación xeométrica do patrimonio cultural, tanto no caso de bens sinxelos, como de petroglifos ou mesmo de elementos patrimoniais de gran tamaño, tales como poden ser o castro de Formigueiros, en Sarria, o pavimento histórico da capital galega ou mesmo as complexas e pouco accesibles cubertas da catedral de Santiago de Compostela. A partir do modelado 3D, a investigación desenvolvida por Santiago Martínez propón e elaboración dunha gran variedade de produtos derivados, cuxo obxectivo é o de garantir a capacidade de relación con outras disciplinas, de xeito que poidan ser estudados por profesionais de diferentes campos que non necesariamente deberían ter coñecementos de fotogrametría. A elaboración e deseño deste amplo abano de produtos, tales como planos 2D/3D para arquitectos, ortofotos e modelos de elevación de terreos para expertos en GIS, curvas de nivel, planos de pendentes e planos de orientacións para topógrafos, planos de seccións con textura fotorrealista para arqueólogos, mapas de escorrentías para persoal de planificación urbanística... favorecería a integración do modelado 3D orixinal en multitude de disciplinas, sinala a investigación. A difusión da versatilidade do modelado D favorecería asemade a realización doutras investigacións orientadas cara o obxectivo común da conservación do patrimonio cultural. Tribunal da tese O catedrático da Universidade Politécnica de Madrid Ignacio Cañas Guerrero presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Santiago Martínez, un comité do que tamén formou parte o profesor titular da USC David Miranda Barros en calidade de secretario. Rogelio de la Vega Panizo, profesor titular da Universidade Politécnica de Madrid, e Francisco Manzano Agugliaro, da Universidade de Almería, completaron un tribunal que outorgou a máxima cualificación académica de sobresaínte cum laude á investigación desenvolvida por Santiago Martínez Rodríguez.