Ir o contido principal

O investigador Alejandro Criado, único galego que representará a España no Encontro Lindau con premios Nobel

Alejandro Criado, no centro, acompañado de Diego Peña e Enrique Guitián
Alejandro Criado, no centro, acompañado de Diego Peña e Enrique Guitián
Na 63º edición da prestixiosa xuntanza departirá sobre química con 35 premios Nobel

O investigador Alejandro Criado, recentemente doutorado no Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CIQUS) baixo a dirección de Enrique Guitián e Diego Peña, será un dos 625 novos científicos que viaxarán a finais de mes a Alemaña para participar no prestixioso 63º Encontro Lindau con Premios Nobel. Durante o Encontro Lindau, nesta ocasión dedicado á química, asistirán a conferencias de Premios Nobel, que establecerán quendas de conversas cos novos científicos para tratar cuestións do máis alto nivel tanto referidas a investigación básica como orientadas á súa aplicación. O científico vilalbés Alejandro Criado, seleccionado entre máis de 20.000 de todo o mundo e un dos 10 que representarán a España, terá a oportunidade de coñecer persoalmente a 35 premios Nobel e debater con eles sobre ciencia xunto a outros estudantes e posgraduados de 78 países. Criado, na actualidade investigador posdoutoral na Universidade de Trieste, desenvolveu a súa tese no grupo Catálise organometálica e materiais moleculares orgánicos. A finais do pasado ano foi, xunto con Diego Peña e Enrique Guitián, coautor dun traballo en colaboración con IBM para a visualización de moléculas con resolución atómica que publicou a revista Science.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.06.2013.