O investigador Antón Barreiro acada unha bolsa da Fundación Francisco Cobos para o estudo da lesión medular

A Fundación Francisco Cobos acaba de conceder unha das dúas bolsas da convocatoria Eduardo Gallego para investigadores no campo da biomedicina ao investigador do Departamento de Bioloxía Funcional Antón Barreiro-Iglesias. O obxectivo da bolsa é dar continuidade á carreira de investigadores que finalicen un programa de excelencia. Actualmente, Antón Barreiro atópase no último ano do contrato posdoutoral do programa I2C e a axuda permitiralle seguir investigando no eido da lesión medular.
O traballo do investigador da USC céntrase no estudo de modelos animais como lampreas ou peixe cebra por ser capaces de recuperarse de forma espontánea tras unha lesión medular completa, algo que nunca ocorre en humanos. Como explica o doutor Barreiro, “a idea é intentar entender como estes animais conseguen recuperarse e buscar aquelas moléculas que favorecen o proceso de rexeneración e recuperación”. O traballo de Barreiro céntrase especificamente no papel dos neurotransmisores na rexeneración neuronal e axonal. “A idea moi a longo prazo é intentar trasladar os resultados en modelos animais ao desenvolvemento de fármacos ou terapias para o dano medular”, aclara o investigador.