Ir o contido principal

O investigador arxentino Facundo Reyna disertou no ILG sobre estratexias de revitalización e recuperación da lingua na diáspora de Bos Aires

O investigador arxentino Facundo Reyna disertou no ILG sobre estratexias de revitalización e recuperación da lingua na diáspora de Bos Aires
O investigador arxentino Facundo Reyna disertou no ILG sobre estratexias de revitalización e recuperación da lingua na diáspora de Bos Aires

O investigador arxentino Facundo Reyna Muniain presentou recentemente no Instituto da Lingua Galega o seu traballo arredor do proxecto 'Estratexias de revitalización e recuperación da lingua na diáspora de Bos Aires no século XXI' que se encadra no estudo da evolución da situación sociolingüística da lingua galega dende 1950 en Galicia e fóra da comunidade. Como sinalou o investigador, no caso das comunidades emigradas, ocupan un lugar especial os procesos de asimilación e mantemento da lingua, como parte das dinámicas de retención, abandono e revitalización da identidade galega. Reyna revisou a cuestión da segunda, terceira e mesmo cuarta xeración de descendentes de galegos en Bos Aires, dentro dos procesos de desgaleguización e (re)galeguización. Como anticiparon investigacións anteriores, Facundo Reyna lembrou que as primeiras xeracións de inmigrantes están case desaparecidas e a transmisión interxeracional foi moi cativa, polo que “deberiamos estar fronte á verificación das predicións dos estudos sociolingüísticos sobre a desaparición da diversidade lingüística no país e a homoxeneización lingüística e cultural total da sociedade arxentina”. Dende os últimos vinte anos ten lugar un rexurdir de identidades alternativas á Arxentina, apuntou o estudoso na súa presentación no ILG. Moitas veces estas identidades son compatibles coa nacional, pero sempre teñen un valor diferencial e distintivo. Nunha cidade como Bos Aires, a lingua e a identidade galega son unha máis entre as moitas presentes, o cal permite particularidades especiais no campo das actitudes lingüísticas, espazos de uso e ideoloxías lingüísticas nos que o concepto de 'neofalantes' xoga un rol clave. Así, Reyna defende que unha aproximación ás estratexias, motivacións e competencias dos neofalantes de galego nun contexto de emigración americano tamén pode presentar un particular interese para o estudo das políticas de revitalización da lingüística no territorio orixinal do galego.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.09.2014.