O investigador David Araújo-Vilar participa no equipo internacional responsable dunha nova guía práctica para a diagnose e tratamento de lipodistrofias

O investigador da Facultade de Medicina da USC David Araújo-Vilar é un dos dezasete expertos mundiais que asinan unha nova guía práctica internacional que axudará os/as profesionais da saúde na diagnose e tratamento de lipodistrofias. Estas son un conxunto de enfermidades do tecido adiposo pouco frecuentes, cuxa evidencia clínica máis salientable é a perda, total ou parcial, do tecido adiposo. Ademais, adoitan presentarse asociadas con complicacións metabólicas potencialmente graves, como diabetes mellitus, dislipemia ou fígado graxo e algúns dos seus subtipos moi raros son especialmente graves xa que levan a un proceso de avellentamento prematuro.
A guía apunta a modo de conclusión que as lipodistrofias son síndromes heteroxéneas diagnosticadas mediante fenotipo clínico complementado con probas xenéticas e que a maioría dos pacientes debe ser examinado para a diabete, dislipidemia e someterse a revisións anuais de fígado, riles e enfermidades do corazón. O cadro de expertos considera que a dieta é esencial para o tratamento das complicacións metabólicas asociadas as lipodistrofias e que a terapia baseada en Metreleptin é efectiva para as complicacións metabólicas en pacientes de hiperleptinemia con lipodistrofia xeneralizada así como para casos concretos de lipodistrofia parcial.
Conclúen os investigadores que outros tratamentos non específicos para estas síndromes poden ser útiles tamén, por exemplo, metformina para a diabete, estatinas ou fibratos para a hiperlipidemia, mentres que os estróxenos orais están contraindicados. A nova guía acaba de facerse pública en The Journal of Clinical Endrocrinology and Metabolism a proposta da Pediatric Endocrine Society e aprobada por máis de dez sociedades científicas de endrocrinoloxía e diabete dos cinco continentes.