Un investigador de Histagra resultou recoñecido cunha mención honorífica no Concurso de Ensaio George Watt da Abraham Lincoln Brigade Archive

O investigador do grupo Histagra Francisco Leira Castiñeira acaba de ser recoñecido coa mención honorífica do Concurso de Ensaio George Watt da Abraham Lincoln Brigade Archive na súa edición de 2012 polo traballo ‘Political surveillance measures against the soldiers of the rebel army: ‘Franco’s soldiers’ and their gradual hostility to and rejection of the war, December 1937-1939’. O texto forma parte dunha investigación xa galardoada co IV Premio de Investigación en Ciencias Sociais da Cátedra Juana de Vega que ten por lema ‘La Consolidación social del franquismo. La Influencia de la guerra en los "soldados del ejército sublevado’, traballo que será publicado ao longo de 2013. O traballo do investigador galego é unha investigación social do exército sublevado durante a guerra civil, realizado a partir da documentación obtida no Arquivo Militar de Ferrol e a través de entrevistas orais realizadas pola comarca. Francisco Leira actualmente realiza a súa tese de doutoramento baixo a tutela de Lourenzo Fernández Prieto, Andrés Dominguez Almansa e Aurora Artiaga Rego. A Abraham Lincoln Brigade Archive (ALBA) é unha organización sen ánimo de lucro fundada en 1979 e dedicada á preservación e difusión da historia da participación norteamericana na Guerra Civil española (1936-1939) e a posguerra. A ALBA convoca anualmente un Concurso de Ensaio que galardoa a un investigador que teña escrito un texto sobresaliente ou un capítulo de tese sobre calquera aspecto da Guerra Civil española, as loitas globais políticas ou culturais dos años 1920 e 1930 ou as historias de vida e as contribucións dos estadounidenses que loitaron en favor da República española.