O investigador Nestor Armesto imparte un seminario no CERN co gallo do décimo aniversario do Heavy Ion Forum

O investigador Nestor Armesto, do Departamento de Física de Partículas da Facultade de Física da USC, imparte este venres no Centro Europeo para a Física de Partículas (CERN) en Suiza un dos tres seminarios organizados co gallo do décimo aniversario do ‘Heavy Ion Forum', foro de debate sobre a física de colisións entre ións pesados a moi altas enerxías.
Na súa intervención, Armesto revisará o estatus das probas perturbativas do novo estado da materia que se persigue crear nas citadas colisións, o chamado plasma de quarks e gluóns, que foi unha das fases do universo tras o Big Bang. Os outros relatores, os profesores B. Muller, da Universidade de Duke (EE.UU.), e L. McLerran, do Brookhaven National Laboratory (EE.UU.), revisarán as probas non perturbativas do plasma e o noso coñecemento da estrutura nuclear a moi alta enerxía, respectivamente.
O Heavy Ion Forum, que nos seus dez anos de existencia ten organizado máis de 200 seminarios, celébrase no CERN, centro científico onde en setembro deste ano entrará en funcionamento o acelerador máis grande xamais construído, o Large Hadron Collider. Un dos obxectivos deste acelerador é a colisión entre ións pesados para a creación do plasma e a súa detección e estudo mediante detectores dedicados, como o experimento ALICE no que participa o grupo de ións pesados da USC que lidera o catedrático Carlos Pajares.
Nestor Armesto fixo o seu doutoramento na USC baixo a dirección do profesor Pajares para posteriormente realizar estadías posdoutorais na Universidade de Paris XI en Orsay (Francia), na alemá de Hamburgo e, tras unha etapa como profesor titular na Universidade de Cordoba, no CERN. Desde 2005 traballa na Facultade de Física da USC como investigador 'Ramón y Cajal'.