Ir o contido principal

O investigador Sebastián Villasante obtén o I Premio Inesma de Investigación cun traballo sobre as pesqueiras artesanais galegas

Sebastián Villasante é investigador na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
Sebastián Villasante é investigador na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

O investigador da Universidade de Santiago Carlos Sebastián Villasante recibiu esta luns 21 o galardón que o acredita como o gañador do I Premio Inesma de Investigación polo seu traballo ‘Sobre a sustentabilidade das pesqueiras artesanais de Galicia: conservando hoxe para as futuras xeracións’. Este estudo,realizadobaixo a titoría da profesora María do Carme García-Negro aborda a necesidade de preservar os ecosistemas mariños, tanto para as presentes como para as futuras xeracións.
“Na investigación se aplicaron indicadores de sustentabilidade coa finalidade de monitorear a perda de biodiversidade mariña nas costas de Galicia debido á actividade pesqueira”, apunta Sebastián Villasante,. Na súa opinión, “a pesca de baixura e de litoral desempeñaron, dende sempre, un papel moi destacado, achegando alimento para o consumo humano e servindo de fonte de ingresos e sostén socioeconómico dun gran número de comunidades de pescadores”.
O premio, dotado con 6.000 euros, foille concedido polo Instituto de Estudos Mariños para a Nutrición e o Benestar (Inesma), institución sen ánimo de lucro creada en 2001. O seu obxectivo é concienciar á sociedade sobre o valor do patrimonio alimentario, dos seus recursos, da conservación e explotación racional, como medio vivo que é necesario coidar e protexer. Intégrano un conxunto de expertos responsables en temas vinculados ao mar.
Os traballos presentados ao I Premio de Investigación Inesma foron xulgados por unha comisión técnica presidida por José Manuel Gallardo Abuín, profesor de Investigación do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC). Como vocais exerceron Ana Troncoso González, directora da Agencia Española de Seguridad Alimentaria (AESAN); Mercedes Careche Recacoechea, coordinadora da Área de Alimentos do CSIC; Felipe Casanueva Freijo, director do CIBERobn; Nabil Khayyat Khury, xefe de División de Ciencias da Vida e os Materiales do CDTI; Ricardo Capilla Pueyo, director xeral de I+D+i da Xunta de Galicia; Alberto López García-Asenjo, representante permanente adxunto de España ante a F.A.O. e o P.M.A. A tarefa de secretario levouna a cabo Juanjo De la Cerda y López-Baspino, director técnico alimentario do Grupo PESCANOVA.
O premiadoSebastián Villasante, investigador visitante da Universidade de British Columbia (Canadá) e da Stanford University (USA), é doutor en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente é investigador posdoutoral, centrando o seu traballo no estudo dos efectos das actividades humanas sobre os ecosistemas mariños dende a perspectiva da economía e a ecoloxía, en particular, o estudo da socioeconomía da pesca, a aplicación de indicadores de sustentabilidade para monitorear a perda de biodiversidade mariña e a gobernanza das pesqueiras en Europa e América Latina.
Ademais, é consultor e asesor experto de programas de investigación do United Nations Environmental Program, o Swedish Agency for Cooperation Development, o Canadian International Development Research Center, o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía (España), e o Instituto Nacional de Investigación e Desenvolvemento Pesqueiro (Arxentina). É membro da American Fisheries Society, a International Society of Ecological Economics, o International Institute of Fisheries Economics and Trade e European Association of Environmental and Resources Economics. Autor de 4 libros e 6 capítulos de libros, ten asinado numerosos artigos en revistas científicas e congresos internacionais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.12.2009.