O investigador da USC Antón Barreiro acada finalmente 11.640 euros para o seu proxecto de rexeneración tras unha lesión medular

O investigador do departamento de Bioloxía Funcional Antón Barreiro recadou finalmente un total de 11.640 euros na campaña lanzada no portal Precipita da FECYT para o seu proxecto ‘Busca de fármacos para a rexeneración axonal tras unha lesión medular’, superando os 10.000 euros que se marcara como obxectivo óptimo.
“Se co noso proxecto conseguimos atopar un fármaco que promova a rexeneración axonal no peixe cebra, no futuro tentaremos trasladar estes resultados á recuperación dos pacientes con dano medular”, explica Barreiro, que co recadado o seu grupo poderá mercar os anticorpos necesarios para visualizar a neurona de estudo e unha libraría de máis de 1.200 fármacos para validar o seu modelo.
Barreiro quere agradecer o apoio a todas as persoas que se implicaron nesta campaña de recadación de fondos para un proxecto de investigación que podería ser unha solución para as 35.000 persoas que se calcula que existen hoxe en España con esta doenza, causada a maior parte das veces por accidentes de tráfico e que produce un dano irreparable para o que non hai un tratamento que facilite a súa recuperación funcional.
Foron 130 as doazóns, tanto de persoas como de entidades, “de moi diversa índole pero todas igual de importantes”, apunta Barreiro, que fai un recoñecemento especial á empresa compostelá Aluminios Pipor pola súa achega de 3.000 euros. “Agradezo moi sinceramente a súa axuda e apoio porque sen todos eles seríanos moi complicado continuar co noso traballo”, engade.
Investigación con peixe cebra
Unha das principais razóns da falla de recuperación en humanos con dano medular é que os axóns –prolongacións das neuronas que transmiten impulsos nerviosos– de neuronas cerebrais que conectan a medula espinal non son capaces de se rexenerar despois da lesión e así volver conectar coas súas neuronas diana.
Mais se este contratempo se produce en humanos, non é así en animais. O equipo que co dirixen Antón Barreiro e María Celina Rodicio traballa con modelos de lesión medular en peixes, entre eles o peixe cebra, un animal do que se poden obter centos de larvas cada día no laboratorio, “ facilitando así a proba dunha gran cantidade de fármacos” e que por ser transparente “permite ver con máis facilidade se a neurona de estudo rexenerou ou non os seus axóns tras a lesión e despois do tratamento cun fármaco determinado”.
Estudos realizados nos últimos anos demostraron que este peixe é capaz de recuperarse de forma espontánea tras unha lesión medular completa de maneira que pode nadar tan só unhas semanas despois da lesión. Pero mesmo neste animal non todas as neuronas que contactan coa medula espinal en condicións normais son capaces de rexenerar o seu axón tras a lesión, “o que indica que existe algún factor intrínseco a determinadas neuronas que o impide”, matizan os investigadores, que agora poderán continuar coa súa investigación.