Ir o contido principal

O investigador da USC Antonio Míguez Macho gaña o I Premio de Investigación 'Alexandre Bóveda'

O investigador Antonio Míguez Macho, do proxecto de investigación interuniversitario “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares” resultou gañador do I Premio de Investigación ‘Alexandre Bóveda’ xunto coa doutora en pedagoxía Sara López Gómez. O galardón nace auspiciado pola colaboración entre a Consellaría de Cultura, Caixanova, o Concello de Pontevedra, a Universidade de Vigo e a Fundación Alexandre Bóveda.
O traballo de Miguez Macho leva por título O que fixemos en Galicia. Ensaio sobre o concepto de práctica xenocida, e segundo explica trátase dun estudo teórico baseado na reflexión interdisciplinaria sobre o xenocidio, a través do concepto entre xurídico e sociolóxico desta práctica violenta de retagarda, que comezou en Galicia dun xeito inmediato ao triunfo dos golpistas en 1936.
Para a realización desta investigación, o autor realizou diferentes achegas á represión franquista da guerra civil partindo da definición e delimitación do concepto da práctica xenocida, para establecer diferentes liñas de análise e investigación, moitas delas interrelacionadas con outras disciplinas e con outros contextos.
O estudo conta cun importante material bibliográfico referido ao tema da violencia da retagarda no caso galego que o presidente do xurado, o catedrático e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, definiu á prensa como “un ensaio de carácter teórico baseado na bibliografía moi diversa pero basicamente anglosaxona sobre o tema que ten que ver coa limpeza de sangue e o xenocidio”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.11.2008.