Ir o contido principal

Un investigador da USC desenvolve un novo método para avaliar a pegada ecolóxica de bens e servizos en todo o seu ciclo de vida

O desenvolvemento dun método de cálculo da Pegada Ecolóxica (PE) ampliando o seu alcance para estimar a pegada de bens e servizos considerando o seu ciclo de vida, foi o obxectivo principal do traballo de doutoramento realizado por Adolfo Carballo baixo a dirección da profesora María do Carme García-Negro.
Baixo a denominación ‘Método composto das contas contables’ (MC3) Carballo, logo do desenvolvemento teórico do modelo, completou o traballo coa aplicación práctica do método a un ciclo de vida do mexillón en conserva en Galicia. Esta tarefa, explica o autor, “contribúe a mellorar a comprensión da proposta teórica previa, ademais de poñer de manifesto posibles problemas operativos, difíciles de detectar nunha análise teórica”.
A pegada ecolóxica (PE) é un indicador deseñado inicialmente para avaliar a sustentabilidade dos habitantes dunha área xeográfica determinada, dende unha rexión ata o planeta. Trátase de determinar a cantidade de superficie, terrestre ou mariña, que os habitantes do territorio de referencia precisan para manter o consumo de bens e a xeración de refugallos, definitorios do seu estilo de vida.
Na medida en que as empresas e organizacións, ao igual que os cidadáns, “son consumidoras de recursos e xeradoras de refugallos, existen os elementos necesarios para aplicar o indicador da PE neste ámbito”, engade Adolfo Carballo, “xurdindo así a Pegada Ecolóxica Corporativa (PEC) e a Pegada do Carbono Corporativa (PCC)”.
Neste senso, o investigador resalta o interese de poder establecer estimacións respecto da PEC e da PCC de bens e servizos considerando o seu ciclo de vida, dende os primeiros momentos da súa produción. A información que proporcionan pode empregarse nunha ecoetiqueta que informaría ao consumidor dos impactos ambientais xerados na produción dos bens adquiridos e “aténdese a unha prioridade no deseño de estratexias de desenvolvemento sustentable na UE, recollida na denominada Política Integrada de Produto”, conclúe Adolfo Carballo.
A investigación, recollida na tese ‘A pegada ecolóxica de bens e servizos: desenvolvemento dun método de cálculo e aplicación ao ciclo de vida do mexillón en conserva en Galicia’ obtivo a máxima cualificación de sobresaliente cum laude.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.07.2009.