Ir o contido principal

O investigador da USC Fran Quiroga participará como relator nun congreso de Cartografía de Comúns na University of Pennsylvania

Fran Quiroga
Fran Quiroga

A University of Pennsylvania impulsa a través do Departamento de Español e Portugués o Congreso Cartografías de Comúns, Comunidade e Soberanía, no que o colaborador de HISTAGRA e coordinador do CulturaLab do Máster de Servizos Culturais da USC, Fran Quiroga, disertará arredor dos Comúns, acontecementos e desbordamentos.

O congreso que terá lugar na cidade de Philadelphia (USA) aborda o tema dos comúns, a comunidade e a soberanía dende unha perspectiva transnacional e transhistórica. E conta con relatores como Silvia Federici, quen abordará os comúns do futuro, ou Marina Garcés, filósofa que ten analizado nas súas investigacións as loitas sociais en Barcelona dende unha aproximación filosófica. A importancia deste congreso radica na necesidade de que na universidade estadounidense se analicen como as articulacións expansivas dos comúns e a comunidade ensombrecen a oposición entre o global e o local, o público e o privado, e existen en tensión coa relevancia e incluso a lexitimidade dos conceptos de cidadanía, soberanía, nacionalidade ou poder. O relatorio ‘Comúns, acontecementos e desbordamentos’, que impartirá Fran Quiroga, co coordinador tamén do proxecto Montenoso, supón un esforzo na interpretación de cómo estas revoltas en defensa e mantemento dos común están a supoñer un acontecemento en tanto están abrindo novas posibilidades de cara a construír outras novas políticas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.01.2016.