Un investigador da USC, premiado pola comunidade internacional de física nuclear con núcleos exóticos

O premio para investigadores novos da comunidade de física nuclear con núcleos exóticos (GENCO) acaba de distinguir a tese de José Luis Rodríguez Sánchez, do Departamento de Física de Partículas da USC, realizada baixo a dirección do profesor José Benlliure (membro da colaboración internacional R3B do futuro laboratorio europeo de física nuclear FAIR). FAIR (Facility for Antiproton and Ion Research) é un consorcio internacional onde traballan 3.000 científicos de 40 países que se constrúe cerca do laboratorio GSI en Darmstadt (Alemaña). Contará con catro aceleradores (un lineal e tres sincrotróns) que poderán acelerar feixes de ións estables e exóticos e antiprotóns con intensidades sen precedentes e a grandes enerxías, ata 30 xigaelectronvoltios (GeV) por unidade de masa do núcleo atómico.
As medidas realizadas por Rodríguez Sánchez proporcionan información sobre o mecanismo de deformación dun núcleo atómico ata que este termina dividíndose en dous. Ademais de contribuír á comprensión da estrutura microscópica dos núcleos, a investigación desenvolvida na USC ten un importante impacto na explicación dos procesos de nucleosíntese estelar que dan orixe á produción dos elementos da táboa periódica máis pesados. Ademais contribúe a mellorar o coñecemento sobre os mecanismos de produción de radioisótopos utilizados como marcadores na diagnose médica por imaxe.
Esta é unha liña de traballo relacionada co estudo de reaccións de fisión, usando unha nova técnica experimental que permitiu a primeira identificación completa dos dous núcleos que se produces nestas reaccións, 75 anos despois dos descubrimento da fisión, pola que un núcleo atómico pesado se divide en dous máis pequenos.
O premio para investigadores novos da comunidade GENCO está considerado un dos máis prestixiosos que se conceden a traballos de tese de doutoramento no ámbito da física nuclear. Constitúen o xurado investigadores de Alemaña, Canadá, China, Estados Unidos, Francia e Suecia. O premio concédese no transcurso da xuntanza anual de colaboración NUSTAR de FAIR, celebrada a comezos de marzo nas instalacións do laboratorio GSI/FAIR de Darmstad (Alemaña).
Grupo compostelán en FAIR
O grupo da USC participante na construción do experimento R 3B do centro de investigación FAIR lidera a construción dun complexo dectector de radiación gamma, o calorímetro CALIFA. A tese de José L. Rodríguez realizouse cos detectores da primeira etapa de construción do experimento R3B. CALIFA é un dos detectores do experimento R 3B, que estudará a estrutura de núcleos atómicos ‘exóticos’, deseñado por un equipo internacional liderado pola USC e formado por científicos de trece centros de investigación de Alemaña, España, Suecia, Portugal e Rusia.