Ir o contido principal

O investigador da USC Urbano Fra recompila nun dicionario trilingüe máis de 2.000 termos de fotogrametría

Urbano Fra Paleo, na presentación do novo diccionario trilingüe de fotogrametría
Urbano Fra Paleo, na presentación do novo diccionario trilingüe de fotogrametría
A obra, publicada polo Instituto Cartográfico de Cataluña, contempla a tradución de todas as entradas ao catalán, castelán e inglés

O investigador da Universidade de Santiago Urbano Fra Paleo recolle e define máis de 2.000 termos de fotogrametría no Diccionario Terminolóxico de Cartografía, unha obra editada en catalán e publicada polo Instituto Cartográfico de Cataluña (ICC), que vén de ser presentada polo seu autor no departamento de Cultura da Generalitat de Cataluña.

O novo dicionario trilingüe de cartografía elaborado por Urbano Fra contempla asemade a tradución ao inglés e ao castelán de todos os termos recollidos. A obra recompila a terminoloxía máis actual, segundo subliña o seu autor, que fai especial fincapé nas entradas relacionadas co procesado dixital das imaxes e coa utilización de sensores de alta resolución. A este vocabulario máis técnico cómpre sumar tamén a terminoloxía clásica que coma coa utilización da fotografía. Os dicionarios de fotogrametría existentes en calquera dos tres idiomas que se inclúen nesta nova publicación foron publicados cando aínda non se producira este cambio radical no que atinxe ao proceso de análise e interpretación de imaxes aéreas do terreo, así como da aplicación da fotografía de obxecto próximo ao estudo do patrimonio e dos procesos naturais, segundo relata Fra Paleo . A publicación deste novo dicionario trilingüe de cartografía representa un avance na estandarización da linguaxe científica e técnica na redacción de estudos técnicos e documentos académicos, salienta o investigador da Universidade de Santiago. O director do Instituto Cartográfico de Cataluñaa, Juame Miranda; a directora de Política Lingüística, Ester Franquesa, e Jordi Bover, director do Termcat, órgano de estandarización terminolóxica en catalán, acompañaron a Urbano Fra Paleo na presentación da súa última obra. No transcurso deste acto, tamén se presentaron os dicionarios de teledetección, sistemas de información xeográfica e cartografía. Estas catro novas publicacións, pertencentes todas a mesma serie, recollen máis de 10.000 termos relativos aos campos científicos aos que se refiren e que se incorporan formalmente ao corpus lingüístico do catalán.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.09.2013.