Ir o contido principal

A investigadora Ana Arias Calvo do CRETUS gaña o premio á mellor tese que outorga a Cátedra AgroBank

O presidente do xurado, Antonio J. Ramos, esquerda, Ana Arias Calvo e Nariane Quaresma. FOTO: Cátedra AgroBank
O presidente do xurado, Antonio J. Ramos, esquerda, Ana Arias Calvo e Nariane Quaresma. FOTO: Cátedra AgroBank
O traballo galardoado estuda como converter os biorresiduos en biomateriais e produtos bioactivos no ámbito da economía circular, que busca os cero residuos

Un traballo sobre o aproveitamento de biorresiduos, obra da doutora pola USC e investigadora posdoutoral do CRETUS da USC Ana Arias Calvo, é o gañador do Premio á Mellor Tese de Doutoramento que outorga anualmente a Cátedra AgroBank Calidade e Innovación no sector agroalimentario da Universitat de Lleida (UdL). Esta investigación impúxose entre as 67 presentadas desde 13 comunidades autónomas á oitava edición deste galardón, dotado con 5.000 euros.

A gañadora do primeiro premio é doutora en Enxeñaría Química e Ambiental pola USC. A tese de Arias, titulada ‘Turning biowaste into bio-materiais and bio-active products: A domain of circular economy’ (‘Converter os biorresiduos en biomateriais e produtos bioactivos: un ámbito da economía circular’), analiza a potencialidade de residuos agrarios, forestais e industriais mediante a modelización de diferentes escenarios e avaliando tanto a viabilidade económica como o impacto ambiental.

O traballo expón, por exemplo, a posibilidade de utilizar residuos de soia para facer bioadhesivos que se utilizan na elaboración de taboleiros de madeira; do soro do queixo para conseguir un axente antimicrobián chamado nisina; ou do mosto do viño para obter resveratrol, un fenol con capacidades antioxidantes que se podería empregar nos sectores alimentario, médico e farmacéutico.

O xurado do premio foi presidido polo director da cátedra e profesor da UdL, Antonio J. Ramos. Do total de candidaturas, un 58,2% foron presentadas por mulleres e un 16,4% son de persoas estranxeiras que realizaron a súa tese de doutoramento en universidades do Estado. O accésit, de 1.000 euros, foi para unha tese da Universitat Politècnica de València (UPV) da autoría de Nariane Quaresma, titulada ‘Reduir les pèrdues postcollita en caqui. Aspectes pre i postcollita involucrats en la qualitat del fruit i noves estratègies de valorització’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.11.2024.