A investigadora Ana Faraldo galardoada co premio Doutor Jiménez Herrero 2010 da Real Academia de Medicina e Cirurxía

A investigadora Ana Faraldo García acaba de ser galardoada co premio de investigación científica Doutor Jiménez Herrero 2010 convocado pola Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia polo traballo ‘Cambios posturais asociados ao envellecemento’. Actualmente destinada no Servizo de Otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Ana Faraldo realizou a súa tese de doutoramento baixo a dirección de Sofía Santos e Andrés Soto, do departamento de Dermatoloxía e Otorrinolaringoloxía da USC, comparando a posturografía dinámica computerizada e o Sway Star co obxecto de avaliar o equilibrio en persoas sas, sen antecedentes de patoloxía do equilibrio distribuídos en sete grupos de idade. Nos últimos anos tense asistido a un profundo cambio no estudo dos trastornos do equilibrio de tal xeito que os avances tecnolóxicos permitiron o desenvolvemento de novas técnicas de medida que revolucionaron e melloraron a avaliación, a diagnose e tratamento destes doentes.