Unha investigadora da Autónoma de Barcelona falou no ILG da súa experiencia como lectora de galego nesa universidade
A investigadora da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB) Sonia Varela falou a pasada semana no Instituto da Lingua Galega da USC da súa etapa como lectora de galego na universidade catalá entre 2002 e 2007 da que salientou non só a súa tarefa como docente ou na coordinación de actividades culturais senón tamén a de visibilización e difusión dos estudos galegos entre a comunidade universitaria. Este lectorado, fundado en 1997, destaca pola súa colaboración con diferentes grupos para emprender iniciativas de difusión do galego e polo apoio ao alumnado que quere incluír esa lingua nas súas investigacións.
Na súa charla ‘O galego na investigación da Universitat Autònoma de Barcelona. O Grup de Lexicografia i Diacronia’ presentou ademais o centro de información Portal de Léxico Hispánico co que colabora e que estuda a aplicación das tecnoloxías ao estudo da historia das linguas románicas peninsulares e das súas variedades, con especial atención ao léxico.