Ir o contido principal

Unha investigadora brasileira presentou os datos do uso do /r/ retroflexo en São Paulo

Hélen Silva presentou no ILG os datos da súa tese de doutoramento
Hélen Silva presentou no ILG os datos da súa tese de doutoramento

A investigadora da Universidade Estadual de Londrina (Paraná, Brasil) Hélen Silva presentou o venres os datos parciais da pescuda que recobre toda a rexión sudeste do Brasil (Minais Gerais, São Paulo, Rio de Janeiro e Espírito Santo) para verificar o dinamismo do /r/ retroflexo no estado de São Paulo e a influencia de factores lingüísticos e extralingüísticos na súa realización. O /r/ retroflexo ten a súa orixe entre os mamelucos, é dicir, no contacto da lingua portuguesa europea coas tribos indíxenas, para ser logo estendido polos bandeirantes. Así, o /r/ caipira, considerado o /r/ tipicamente brasileiro, dátase aproximadamente do século XVII. Na súa exposición ‘O que os dados do ALiB revelam sobre o /r/ retroflexo em São Paulo’ falou da súa tese de doutoramento, baseada na análise do /r/ retroflexo, popularmente coñecido como /r/ capira (parecido ao /r/ inglés posvocálico) nese estado. A distribución xeográfica deste /r/, ben marcada, pode caracterizar, ao lado doutros aspectos fonéticos, unha proposta de división dialectal do Brasil. A investigadora analizou o material colleitado en 38 localidades do estado polo proxecto Atlas Linguístico do Brasil, no que se refire ás cuestións que presentan o /r en coda silábica. Hélen Silva traballa cun corpus composto polos datos de 156 informantes, estratificados por sexo, idade (18-30, 50-65) e, no caso da capital, por escolaridade (ensino fundamental / ensino superior). As porcentaxes indican que os responsables do maior uso da variante caipira son os homes, sobre todos os novos. O Atlas Lingüístico do Brasil A investigadora aproveitou ademais para presentar o Atlas Linguístico do Brasil (ALiB) , no que participou. O ALiB, cuxos dous primeiros volumes (Volume 1 - Introdução e Volume 2 - Cartas Linguísticas 1) xa foron publicados,pretende reflectir o carácter multidialectal do Brasil, describir a realidade lingüística do portugués falado nese país, establecer isoglosas para trazar a división dialectal e contribuír á comprensión da lingua portuguesa no Brasil como un instrumento social de comunicación diversificado, posuidor de varias normas de uso pero dotado dunha unidade sistémica.

Para elaborar o ALiB visitáronse 250 localidades, con 1.100 informantes documentados, 257.851 quilómetros percorridos e 3.500 horas de gravacións. Ademais da representación xeolingüística dos datos obtidos, este atlas ofrece estudos interpretativos sobre algúns dos aspectos cartografados.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.02.2015.