Ir o contido principal

A investigadora danesa Birgitte Gregersen imparte un seminario no Máster en Desenvolvemento Económico e Innovación

A investigadora e directora do Department of Business Studies da Universidade de Aalborg (Dinamarca), Birgitte Gregersen, vai impartir este martes 11 un seminario incluído na programación académica do máster en Desenvolvemento Económico e Innovación. No encontro, que comezará ás 18:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, realizarase un achegamento ao sector eólico danés como ilustración da relación entre innovación e enerxías alternativas neste país.
Birgitte Gregersen pertence ao grupo IKE (Innovation, Knowledge and Economic Dynamics), considerado unha referencia a nivel mundial no ámbito da innovación, ao ser pioneiro no desenvolvemento do enfoque dos sistemas de innovación. Dende ese grupo promoveuse a creación de distintas redes de investigación, formación e organización de eventos de difusión científica de ámbito internacional como a rede de excelencia DIME (Dynamics of Institutions and Markets in Europe), DRUID (Danish Research Unit for Industrial Dynamics) ou Globelics (Global Network for Economics of Learning, Innovation, and Competence Building Systems).
A súa traxectoria investigadora está avalada polos seus libros, numerosos artigos de ámbito internacional, participación en proxectos de investigación, conferencias e comités internacionais, así como nas tarefas de asesoramento a institucións públicas e privadas de ámbito rexional, nacional e internacional.
A súas principais liñas de investigación son o estudo do sector público como elemento do sistema de innovación e as políticas de innovación centradas no desenvolvemento de novos sectores destacando, en particular, as enerxías renovables e a biotecnoloxía. Tamén ten abordado o papel das Universidades como axente de promoción do desenvolvemento e a súa función de transferencia de coñecemento.
O máster en Desenvolvemento Económico e Innovación organízao o grupo ICEDE da USC baixo a dirección do catedrático de Economía Aplicada Xavier Vence. O seu obxectivo é contribuír ao fortalecemento das capacidades do sistema de innovación mediante a formación de especialistas na xestión da investigación e da innovación, para así profesionalizar e aumentar a capacidade de organización e xestión eficiente dos recursos dedicados á innovación e a creación de coñecemento. De igual xeito, trátase de formar profesionais no ámbito do desenvolvemento económico, de aplicabilidade local e rexional, que sexan quen de deseñar e xestionar proxectos de desenvolvemento a nivel empresarial, rexional e local, e aplicar instrumentos de políticas sectoriais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.05.2010.