Ir o contido principal

Unha investigadora lusa ofrece o luns na EPS un seminario sobre diversidade xenética de castes autóctonas portuguesas

A intervención da profesora da Universidade Tras Os Montes Alto Douro Isaura Alberta Oliveira desenvolverase de 12.00 a 14.00 horas, na sala de xuntas da EPS

A profesora e investigadora do Departamento de Xenética e Biotecnoloxía da Universidade Tras Os Montes Alto Douro (UTAD) Isaura Alberta Oliveira de Castro ofrecerá o vindeiro luns, día 13 de outubro, na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo un seminario sobre a avaliación da diversidade xenética de castes autóctonas de vides e maceiras portuguesas.

Esta investigadora lusa, que centra as súas principais liñas de traballo nos estudos moleculares en recursos xenéticos vexetais, completará a próxima semana unha estadía no campus de Lugo a través do programa Iacobus. A visita desta profesora da UTAD á Escola Politécnica Superior de Lugo xurde a partir da conexión existentes coa investigadora da EVEGA Emilia Díaz Losada, coa que o grupo de investigación Agronomía da USC, integrado polos profesores da EPS Santiago Pereira Lorenzo, Belén Díaz Hernández e Benigno Ruiz Nogueira, ademais da tamén doutora Ana María Ramos Cabrer, colaborou no proxecto ‘Estudo de cultivares galegos de vide mediante microsatélites’. Este proxecto nacional, financiado en 2008 polo Ministerio de Ciencia e Innovación , deu pé á elaboración do catálogo máis completo de castes galegas publicado pola Xunta de Galicia, ao tempo que posibilitou o descubrimento da existencia de dúas liñaxes xenéticas claramente diferenciadas, una no oeste de Galicia co orixe Caíño Bravo no que estaría incluído o Albariño, e outra no leste, co orixe Merenzao (publicado en Annals of Applied Biology 2012). Outro dos temas de interese que motiva a visita da profesora Isaura Alberta Oliveira de Castro son as castes de maceira, unha liña de investigación na que o grupo Agronomía da USC leva máis de 10 anos traballando. De feito, na actualidade, estes investigadores do campus de Lugo participan cun consorcio nacional liderado pola Universidade Pública de Navarra nun proxecto financiado polo INIA e que se desenvolve baixo o título Harmonización da metodoloxía de caracterización, avaliación da diversidade xenética e definición da colección nuclear do xermoplasma de maceiras conservado nos bancos de xermoplasma españois’. Os investigadores implicados neste proxecto están a avaliar as máis de 1.400 accesións de maceiras conservadas nos distintos bancos de xermoplasma nacionais, entre os que se atopa o localizado no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Xunta de Galicia e cuxo responsable da súa conservación é o investigador enxeñeiro agrónomo Javier Ascasíbar Errasti. Outro dos proxectos nos que traballa o grupo de investigación Agronomía da USC e que tamén presenta certas sinerxias co antes citado é o denominado ‘Maeloc: Estudo de variedades autóctonas de mazá na elaboración de sidra’, liderado por Custom Drinks S.L. e a través do que se busca potenciar as castes galegas de mazá na elaboración de sidras de calidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.10.2014.