Ir o contido principal

A investigadora María Vivero-López, recoñecida pola sociedade científica máis relevante do mundo en liberación de fármacos e nanomedicina

María Viveiro recollendo o premio
María Viveiro recollendo o premio
A membro do iMATUS recibiu o 2025 CRS Member of the Year Award da Controlled Release Society
Santiago de Compostela

A Controlled Release Society (CRS), a sociedade científica máis relevante do mundo no ámbito dos sistemas de liberación de fármacos e a nanomedicina, concedeulle o seu premio Membro do Ano á investigadora do iMATUS da USC Maria Vivero-Lopez en recoñecemento á súa “destacada implicación activa e continuada en la CRS, así como o seu compromiso coa promoción da equidade, diversidade e inclusión na comunidade científica”. A entrega do galardón tivo lugar durante o Congreso Anual da Sociedade, que se está a desenvolver en Filadelfia (EE.UU.).

María Vivero-López, que defendeu a súa tese doutoral en 2022 no grupo I+D Farma da USC, desenvolveu unha intensa actividade dentro da CRS, con participación destacada en diversos comités, grupos temáticos e capítulos rexionais, entre os que destaca o Young Scientist Committee (CRS YSC) formado por persoal investigador novo dedicado a ofrecer talleres formativos e novos formatos de redes de traballo para responder ás necesidades dos xóvenes científicos e científicas, no que desempeñou funcións clave como Sponsorship Coordinator (2023-2024) e Social Media Lead (desde 2024).

O compromiso cos valores de equidade, diversidade e inclusión que a CRS lle recoñece ten a súa base na convicción da investigadora de que “a ciencia progresa cando todas as voces son escoitadas e valoradas, sen que as limitacións económicas ou sociais supoñan unha barreira”. Neste senso, María traballou para crear espazos inclusivos que facilitan o acceso ao coñecemento e a redes profesionais, especialmente para persoal investigador novo e grupos infrarrepresentados.

Actualmente, María está finalizando unha estadía posdoutoral na Universidade de Nottingham grazas a unha bolsa da Fundación Ramón Areces.

A investigadora do iMATUS posando co premio no photocall do evento
A investigadora do iMATUS posando co premio no photocall do evento
Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.07.2025.