Unha investigadora da USC analiza a modelización e caracterización de fotosensores pequenos nas tecnoloxías avanzadas de CMOS

‘Modelización e caracterización de fotosensores pequenos nas tecnoloxías avanzadas de CMOS’ é a tese que acaba de defender a investigadora Beatriz Blanco Filgueira e á que o tribunal lle outorgou a cualificación de Apto cum laude. A tese dirixiuna pola profesora Paula López Martínez. Beatriz Blanco analiza na súa investigación como o mercado de sensores de imaxe, dominado polo continuo aumento do número de píxeles, supón manter un bo rendemento en termos de custo, consumo e peso, entre outros. Esta carreira cara o incremento da resolución implica utilizar nodos tecnolóxicos avanzados. “No caso dos sensores de imaxe CMOS o escalado da tecnoloxía favorece ademais a miniaturización e o incremento da funcionalidade on-chip”, engade a investigadora do CITIUS. “Malia os progresos realizados a nivel de proceso e de píxel, a caracterización de sensores de imaxe CMOS en tecnoloxías submicrométricas é escasa, botándose en falta un estudo en profundidade dos principais fenómenos físicos que dominan o comportamento dos píxeles nestes nodos tecnolóxicos e, en particular, do impacto da fotorresposta periférica en fotodiodos de pequeno tamaño”, sostén na súa tese a investigadora. En palabras da autora, “este traballo proporciona un estudo do comportamento de fotodetectores de pequeno tamaño en tecnoloxías CMOS avanzadas, abarcando o seu deseño, caracterización, modelado analítico e implementación nunha linguaxe de simulación hardware”.