Ir o contido principal

A investigadora da USC Beatriz Pelaz, premio da Real Sociedad Española de Química

Beatriz Pelaz é investigadora do CiQUS
Beatriz Pelaz é investigadora do CiQUS
A científica do CiQUS foi galardoada na categoría para persoal investigador mozo líder de grupo
Santiago de Compostela

A investigadora principal do Centro Singular en Investigación en Química  Biolóxica e  Materiais Moleculares da USC (CiQUS), Beatriz  Pelaz, acaba de ser galardoada co premio da Real Sociedade Española de Química (RSEQ) na mención que recoñece a traxectoria de persoal investigador mozo. “Agradezo á  RSEQ este recoñecemento e felicito ao resto de premiados. Encantaríame compartir este galardón cos meus mentores e os membros actuais e pasados do grupo  BioNanoTools”, declara a recentemente galardoada.

Promovidos pola veterana sociedade científica dedicada á divulgación e ao desenvolvemento da Química, os diferentes galardóns clasifícanse en cinco categorías de premios, un recoñecemento e unha medalla. Neste caso,  Pelaz foi recoñecida na mención para persoal investigador mozo e, dentro da mesma, na modalidade ‘Líder de Grupo’. A organización, que destacou o altísimo nivel das candidaturas deste ano 2022, entregará as distincións nun acto cuxa data de celebración aínda está por determinar.

Traxectoria

Beatriz  Pelaz licenciouse en Química pola Universidade de Valladolid (2005) e en Bioquímica pola Universidade de Zaragoza (2011). En marzo do 2012, obtivo o seu título de doutoramento con mención europea pola Universidade de Zaragoza. De xuño de 2012 a finais de 2016,  Pelaz foi membro do grupo do profesor Wolfgang  J.  Parak na  Philipps- Universität  Marburg, en Alemaña, primeiro como investigadora postdoutoral e, a continuación, como investigadora do programa  Humboldt. Dende xaneiro de 2017,  colidera o grupo  BionanoTools no  CiQUS da USC, primeiro como investigadora principal dun proxecto para mozos investigadores e, dende 2019, como investigadora Ramón y Cajal. A súa investigación céntrase no desenvolvemento de materiais intelixentes controlables remotamente e o estudo da súa interacción con entidades biolóxicas.

Pelaz lidera o proxecto Spacing financiado con millón e medio de euros no marco do programa  Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (European  Research  Council–ERC), no que se pretende desenvolver unha nova tecnoloxía baseada en ADN que permita a modificación da superficie de  nanomateriais, en particular,  nanopartículas. En 2020, tamén foi seleccionada para participar no proxecto europeo  SWIMMOT, liderando o equipo español dende BioNanoTools no CiQUS, o cal traballaba xunto con Austria e Francia nun consorciopara a detección temperá e o tratamento de enfermidades a través de  bioimaxe de contraste.

Pelaz participa no proxecto REAP unindo esforzos con outros cinco países europeos para desenvolver un sistema que identifique células que xeren resistencia ao tratamento contra o cancro. En particular, BioNanoTools encárganse da preparación de axentes de contraste que sexan capaces de detectar estas células persistentes.

A premiada Beatriz  Pelaz, xunto ao tamén investigador principal Pablo del Pino, lideran o grupo de investigación do  CiQUS da USC,  BioNanoTools. Trátase dun equipo de científicos de materiais con coñecementos complementarios en física, química, bioquímica,  nanobiotecnoloxía e  nanomedicina; e no que os principais intereses de investigación céntranse nos materiais nanoestruturados “intelixentes” para aplicacións en medicina e bioloxía. Con anterioridade, tres foron os investigadores do CiQUS galardoados polo mesmo premio que agora distingue a Pelaz. Trátase de  Moisés  Gulías, Martín  Fañanás e Javier Montenegro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.05.2022.