Ir o contido principal

Unha investigadora da USC describe por vez primeira doce novas especies de moluscos de augas abisais

Unha investigadora da USC describe por vez primeira doce novas especies de moluscos de augas abisais
Unha investigadora da USC describe por vez primeira doce novas especies de moluscos de augas abisais

A contribución ao coñecemento da biodiversidade dos fondos abisais é dunha importancia capital, pois a pesar de que as partes máis profundas dos océanos se estenden polo 90 por cento de toda a superficie terrestre ocupada polo mar, tan só se explorou un 5% con instrumental remoto e a porcentaxe de mostrexo e estudada con detalle é inferior ao 0.01 %.

Agora, un novo traballo da USC súmase aos estudos desa parte descoñecida do noso planeta. A investigadora do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC María del Carmen Cobo Llovo estudou na súa tese doutoral a biodiversidade e distribución zooxeográfica de moluscos solenogastros, con características moi primitivas e especialmente interesantes desde o punto de vista evolutivo.

O traballo ofrece resultados especialmente relevantes, xa que nel se describen por primeira vez para a ciencia doce novas especies cuxa morfoloxía e distribución foron analizadas pormenorizadamente. Os descubrimentos son o resultado de cinco anos de reconstrución anatómica e estudo zooxeográfico de material procedente das expedicións oceanográficas do buque alemán Meteor nas cuncas abisais de Angola, Guinea, El Cabo, Brasil e Arxentina e é unha cesión da Sociedad Senckenberg para a investigación da Natureza (Frankfurt, Alemaña), fundada en 1817 por Johann Wolfgang von Goethe.

A tese ‘Distribución anfiatlántica y diversidad del orden Pholidoskepia (Moluscos, Solenogastros) en los fondos del Atlántico Sur (Cuencas Abisales de Angola, Guinea, El Cabo y Brasil)’ obtivo a cualificación de sobresaliente Cum Laude e foi dirixida polo profesor José Carlos Otero González.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.04.2017.