Ir o contido principal

A investigadora da USC Elvira Vieira gaña o primeiro premio de investigación 'Eurorrexión 2008'

Elvira Pacheco Vieira é doutora en Economía Aplicada pola USC e actualmente profesora na Universidade do Minho
Elvira Pacheco Vieira é doutora en Economía Aplicada pola USC e actualmente profesora na Universidade do Minho
Por un traballo sobre o capital humano como factor de converxencia

A doutora en Economía Aplicada pola USC e actualmente profesora na Universidade do Minho, Elvira Pacheco Vieira, recibiu este xoves en Vigo o primeiro premio de investigación Eurorrexión 2008 polo seu traballo Capital humano como factor de converxencia: análise econométrica da Eurrexión Galicia-Norte de Portugal. Creada a iniciativa da Universidade de Vigo e Caixanova, a Cátedra Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal convocou este premio co obxecto de fomentar a investigación sobre a problemática e as potencialidades eurorrexionais.
A profesora Elvira Viera realizou o seu doutoramento na USC, onde actualmente traballa co equipo de investigación de Econometría. Ademais de publicar varios traballos nesta temática, na actualidade prepara un proxecto interuniversitario e transfronteirizo sobre cuestións relacionadas coa xeración de emprego na Eurorrexión. No propio acto de entrega do galardón o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, destacou que a formación recibida pola profesora gañadora e a súa colaboración coa USC é en si mesma “un exemplo de cooperación transfronteiriza na Eurorrexión”. Salientou ademais a importancia dos estudos de capital humano para o seu desenvolvemento económico.
Análise comparativaO territorio constituído por Galicia e o Norte de Portugal ocupa unha superficie total de 51.000 quilómetros cadrados, habitados por unha poboación de máis de 6 millóns de persoas. Unha área sobre a que Elvira Vieira realiza unha análise comparativa das principais variables macroeconómicas, identificando as principais similitudes e asimetrías rexionais. A investigación céntrase ademais no estudo do efecto do capital humano, medido en termos de nivel educativo da poboación activa empregada, sobre o proceso de crecemento económico de cada rexión, co obxecto de determinar ata que punto as rexións consideradas teñen diminuído as súas diferenzas nos respectivos estados de desenvolvemento, converxendo cara un mesmo estado de equilibrio a medio e longo prazo, ou se, pola contra, as asimetrías rexionais se acentuaron desde 1995.
Este traballo forma parte da miña liña de investigación sobre desenvolvemento rexional e converxencia económica, e a parte principal que xa viña da miña tese de doutoramento como é o capital humano”, sinala Vieira, que percibirá polo seu traballo 6.000 euros. A investigadora tentou unir todas as partes para percibir cal é a influencia do capital humano en todo este proceso de desenvolvemento e de converxencia de Galicia e o Norte de Portugal.
Necesarios vencellosNa necesidade de que os resultados das investigacións sexan difundidos, “porque o sector da economía real cada vez necesita máis da Universidade”, incidiu o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, na súa intervención na entrega do galardón na Universidade de Vigo.
Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, amosouse “encantado” de promover as actividades da cátedra da Eurorrexión, e xustificou o respaldo a esta iniciativa porque “sos non somos ninguén e só comezamos a ser algo na Eurorrexión como conxunto. Por iso todo o que fagamos para buscar potencia en termos eurorrexionais para esta Universidade será sempre benvido, será sempre un asunto estratéxico, prioritario”.
Traballos de alta calidadeA esta primeira edición do premio concorreron doce traballos, nos que participaron un total de 43 investigadores. O xurado, presidido polo reitor da Universidade de Vigo e o presidente de Caixanova, estivo formado ademais polo ex presidente da Xunta, Fernando Gónzalez Laxe; o director da Unidade de Cooperación Estratéxica da Comissaao e Desenvolvemento Regional do Norte, Nuno Almeida; a coordinadora do Comité de Internacionalización da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, Pilar Tuimil; e os profesores das universidades de Vigo e Trás os Montes Alto Douro, Xavier Martínez Cobas e Luís Ramos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.02.2009.